Denuncian que o colexio Salvador Moreno esixe a declaración eclesiástica para impartir clases de Primaria
Por Redacción
O sindicato CIG-Ensino viuse sorprendido ao ser convocado pola subdelegación de Defensa de Pontevedra para formar parte do proceso de selección dun profesor de educación primaria que cubrise unha praza no centro de educación primaria e ESO "Salvador Moreno", un centro catalogado como privado pola consellería de Educación e que pertence á Armada.
Nas bases da convocatoria recollíanse os requisitos que debían cumprir os candidatos, entre os que figuraba a condición de estar en posesión da Declaración Eclesiástica de Competencia Académica (DECA) de educación primaria. O sindicato nacionalista entende que este requisito supón unha vulneración dos principios de igualdade, mérito e capacidade e de liberdade ideolóxica no sistema de acceso a unha praza.
Desde a central, Xacobe Rodríguez entende que este proceso selectivo é contrario á liberdade ideolóxica xa que o centro está, segundo a CIG, suxeito á normativa de acceso á función pública e a esixencia de contar coa DECA supón un monopolio encuberto no acceso á función pública para un determinado colectivo, xa que este certificado só é emitido pola autoridade eclesiástica.
Ante esta situación a CIG solicitou á subdelegación de Defensa a anulación do proceso selectivo da praza no colexio Salvador Moreno e que se cambien as bases para unha nova convocatoria. Ademais, trasladaron a queixa ao conselleiro de Educación para que impida a continuación deste procedemento que o sindicato entende que é ilegal e contrario aos dereitos fundamentais.
O Colexio Salvador Moreno situado na rúa Rosalía de Castro estivo rexentado ata o pasado curso pola congregación das Discípulas de Jesús. Na actualidade, segundo o sindicato, as súas competencias non están reguladas pola consellería de Educación senón polo ministerio de Defensa.