Os traballadores piden o apoio das institucións contra o "desmantelamento" de Diario de Arousa
Por Redacción
Os traballadores da plantilla de Diario de Arousa (Editorial La Capital S.L.) solicitaron o apoio das corporacións municipais de Vilagarcía e de Cambados despois dos despidos realizados neste xornal e solicitaron poder intervir no Pleno do Concello para defender unha moción neste senso.
Na súa exposición de motivos, a plantilla explica que a dirección de Editorial La Capital (grupo ao que pertence, entre outras cabeceiras, Diario de Arousa) procedeu hai uns días ao despedimento de dous traballadores dos departamentos de Administración e Fotografía. Sinalan que esta medida "merma aínda máis a capacidade dunha plantilla que vén de soportar dous EREs consecutivos, coa súa correspondente merma na prestación de desemprego, ademais de continuos e reiterados retrasos no pago das súas nóminas".
Os despedimentos atacan ademais a un dos departamentos "básicos" dun xornal como é o de Fotografía. Diario de Arousa queda agora con unha soa persona nesta sección e, por conseguinte, sen fotógrafos na plantilla cando este único traballador estea de vacacións ou nos seus correspondentes días libres.
Estes dous despedimentos súmanse aos de catro compañeiros que no último ano chegaron a un acordo coa empresa, pero tamén aos tres que executou Editorial La Capital no ano 2010 coa centralización dos departamentos de Infografía e Archivo na sede da Coruña.
Todos estes movementos levan á plantilla de traballadores a pensar que as intencións de Editorial La Capital "non son outras que as de desmantelar Diario de Arousa" e, polo tanto, deixar ás comarcas de O Salnés, O Barbanza e Ulla-Umia sen unha cabeceira propia. Todo isto suporía un "ataque directo á pluralidade informativa e tería pésimas consecuencias non para os traballos deste medio, senón para o conxunto da sociedade e dos seus representantes, que verían como se apaga a súa voz".
Por todo isto solicitaron aos plenos que mostren o "rexeitamento máis absoluto" aos despedimentos realizados en Diario de Arousa, El Ideal Gallego e Diario de Ferrol e que "inste formalmente" a Editorial La Capital a readmitir nos seus postos de traballo aos compañeiros despedidos e regularizar o pago de salarios.
Tamén queren un apoio á folga e as mobilizacións que poñen en marcha os traballadores pola defensa dun posto de traballo digno.