Ciudadanos presenta en Pontevedra aos seus candidatos ao Congreso e o Senado para o 20-D
Por Redacción
O avogado vigués Antonio Lara, cabeza de lista de Ciudadanos pola provincia de Pontevedra, ás eleccións xerais do próximo 20 de decembro, acudiu este sábado á capital pontevedresa para presentar aos compañeiros que integrarán as candidaturas ao Congreso e ao Senado polo partido que lidera Albert Rivera.
Tras unha foto de familia, tomada diante do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, este avogado de 34 anos -especialista en dereito fiscal e mercantil e licenciado pola Universidade de Santiago- afirmou que o obxectivo do seu partido é obter representación pola provincia e que "la voz de Pontevedra se oiga en el Congreso, expresando su singularidad".
Antonio Lara sinalou que a campaña da formación laranxa será "limpia, digna y con mucha ilusión" e que, a pesar de que non contan aínda con moitas agrupacións na provincia de Pontevedra, esperan "intentar tener el peso suficiente para ayudar a un cambio en lo que consideramos que es la casa de todos que es España".
Lara, que concorreu nas pasadas eleccións municipais como número 4 da candidatura de Ciudadanos en Vigo, afirmou que a súa procedencia non marcará a súa forma de aproximarse aos electores pontevedreses porque "vemos a Pontevedra por igual, todas sus comarcas y municipios tienen la misma importancia", aínda que recoñeceu que o seu partido centrarase na cidade olívica porque "no somos ajenos a que por demografía reúnen a muchas personas".
En todo caso, o candidato de Ciudadanos asegura que o seu partido representa unha "regeneración política con nuevas ideas" e cre que a súa irrupción no panorama político nacional restará votos tanto a Partido Popular como ao PSOE "porque intentamos darle solución a los problemas de la clase trabajadora y eso no puede considerarse ni de izquierda ni de derecha". A eses votantes descontentos, dixo, "trataremos de atraerlos".
Xunto a Antonio Lara Fernández-Villamarín, a candidatura de Ciudadanos ao Congreso complétase coa pontevedresa Cintia Solla Besada, que irá de número 2; ademais de Josefa Casado González, Miguel Ángel Castro Carrasco, Christian Ramírez Ferro, Elena Rodríguez Carracedo e Antonio Rosales García. Para o Senado, o partido elixiu a Andrés Cal, concelleiro na Lama, Gregorio Revenga Portela e Matilde Isabel Rodríguez Castro.