O BNG, sen apoios aparentes para sacar adiante o orzamento municipal
Por Alejandro Espiño
A día de hoxe, parece complicado que o goberno municipal poida sacar adiante o orzamento para 2016. Os catro partidos da oposición -Partido Popular, PSdeG-PSOE, Marea e Ciudadanos- presentaron unha emenda á totalidade ao entender que as contas presentadas polo BNG non responden, segundo os seus respectivos criterios, ás necesidades dos pontevedreses. Sen o voto favorable ou a abstención dalgún deles, non serán aprobados.
Desde o goberno municipal, o edil de Facenda prefire esperar "a ver que pasa mañán" na comisión na que se analizarán as emendas presentadas, pero adiantou que desexa a oposición manteña unha conduta "construtiva" e que "nos deixen gobernar", deixando de lado calquera tipo de postura "de obstrución", que vinculou coa campaña electoral, cita coa urnas que cre pode provocar "distorsións" nesta negociación.
Tras recoñecer que o punto de partida para acordar o orzamento coa oposición é "complicado", Raimundo González manifestou a súa confianza de poder chegar a un acordo con algún dos partidos da oposición para que apoien as contas municipais, introducindo no documento algunhas das emendas presentadas nos últimos días.
Pero en todo caso, o concelleiro nacionalista afirmou que chegado o caso o goberno municipal podería optar por prorrogar o orzamento actual. "Non sería algo grave, aínda que non é desexable", afirmou, xa que obrigaría a aprobar modificacións de crédito para poder sacar adiante os investimentos previstos ou poder afrontar a renovación dos programas de intervención municipal.
O Partido Popular xa adiantou o seu voto en contra ao orzamento porque "oprimen aos veciños de Pontevedra". Lembra que o pasado 6 de novembro, adiantaron as liñas vermellas que marcan o seu apoio a este documento e que pasarían por unha redución de taxas e impostos e un aumento do gasto social, entre outras cuestións. Ademais, lamentan que é un orzamento "falseado" polo baixo grao de execución nos investimentos previstos.
Pola súa banda, ademais da emenda á totalidade porque o proxecto "non aborda os problemas reais de Pontevedra", Marea presentou un total de 41 emendas parciais. As principais esixen aumentar a partida destinada ao plan de emerxencia municipal, destinar un millón de euros a un plan de emprego, decidir de forma participada o destino do 10% dos investimentos ou dar pasos para que os servizos esenciais pasen a ser de xestión pública.
Tamén o PSdeG-PSOE e Ciudadanos presentaron unha emenda á totalidade, aínda que inclúen ademais varias propostas parciais coas que pretenden corrixir o proxecto presentado polo BNG. Todas elas debateranse na comisión deste martes.
Relacionadas:
-
O BNG poderá aprobar o presuposto grazas ao ingreso hospitalario dun concelleiro do PP
Por Redacción |
-
A división da oposición facilita o ditame favorable dos orzamentos municipais
Por Mónica Patxot & Marisa Ciordia |
-
Ciudadanos "presume" de ser o único partido que votou en contra dos orzamentos do IMD
Por Redacción |
-
Tino Fernández propón unha alternativa ao orzamento "tramposo" dun BNG con "discrepancias internas"
Por Natalia Puga |
-
Unha redistribución fiscal ou a remunicipalización de servizos, propostas de Marea para o orzamento
Por Alejandro Espiño |
-
Moreira avanza o voto en contra do PP a un orzamento que "oprime" aos cidadáns
Por Alejandro Espiño |