Agárdase a presenza de chuvias febles durante a ponte da Constitución
Por Redacción
Os ceos estarán cubertos durante este mércores 2 de decembro na zona suroeste de Galicia, coa posibilidade dalgunha precipitación de carácter débil. As temperaturas situaranse entre os 11 e os 17 graos mentres que os ventos soprarán de compoñente sur moderados en xeral, con intervalos fortes no litoral atlántico a partir das últimas horas do día, segundo o servizo de Meteogalicia.
A situación meteorolóxica da xornada do xoves 3 virá marcada pola presenza sobre Galicia dun corredor de isóbaras que deixará fortes refachos de vento do sur. Nas últimas horas do día entrará unha fronte que aumentará a inestabilidade. Os ventos soprarán do comonente sur, fortes no litoral. As temperaturas non experimentarán cambios significativos.
Tras a fronte da madrugada, as Rías Baixas recuperarán a influencia anticiclónica durante o venres 4 con ceos nubrados, que se irán abrindo a medida que avance o día. As temperaturas mínimas sufrirán un ascenso entre lixeiro e moderado, mentres que as máximas descenderán lixeiramente. O vento soprará frouxo de compoñente sur.
Durante o fin de semana, no inicio da ponte da Constitución, haberá probabilidades de precipitación en xeral en toda Galicia, un pouco máis alta na franxa atlántica. As temperaturas serán suaves, con máximas altas para esta época do ano.