Sanxenxo inspeccionará ás empresas que usan o chan, subsolo ou o voo das vías municipais
Por Redacción
A sesión plenaria celebrada este luns aprobou por unanimidade a firma dun convenio coa Deputación de Pontevedra que facultará ao ORAL para inspeccionar os conceptos incluídos na facturación das empresas que utilizan chan, subsolo e voo das vías públicas municipais.
Todas elas, tanto as explotadoras de servizos de subministración en Sanxenxo como as distribuidoras e comercializadoras, deben abonar ao Concello o 1,5% dos ingresos brutos procedentes da facturación que obteñan no termo municipal ditas empresas anualmente.
O convenio recolle a obrigación do ORAL, ademais de inspeccionar a facturación, de exercer a defensa nos procesos xudiciais relacionados co exercicio das facultades delegadas, asumindo o organismo provincial os gastos na súa totalidade por estes conceptos. Así mesmo, farase cargo dos gastos polas condenas en costas.
O Concello de Sanxenxo veu liquidando esta taxa ata agora en función da información facilitada polas empresas o que deixou nas contas da administración local unha media de recadación de 187.000 euros por ano, tomando como referencia os catro últimos exercicios. Seguirá liquidando directamente esta taxa e só deriva ao ORAL a inspección do últimos catro anos.
Con todo, o goberno local considera que podería resultar beneficioso para as arcas municipais realizar actuacións de inspección, tanto para comprobar os datos da facturación de acordo coa normativa vixente como para contrastar se todas as empresas que teñen a consideración de suxeitos pasivos comunican ao Concello os datos de facturación para emitir as liquidacións. Estas inspeccións revisarán os ingresos das empresas afectadas durante o últimos catro exercicios.