Sanxenxo organiza unha festa con motivo do aceso da iluminación do Nadal
Por Redacción
O goberno local converterá este venres o aceso da iluminación do Nadal nunha festa popular á que convidan a asistir a todos os veciños do municipio e a todas aquelas persoas que se acheguen a gozar desta ponte festiva en Sanxenxo.
A Praza dos Barcos, en Sanxenxo, e o Parque do Espiñeiro, en Portonovo son os dous escenarios que acollerán o acto de aceso de iluminación do Nadal, ao ser as localizacións elixidas para a instalación das árbores luminosas, instalados este ano tamén por primeira vez.
De forma simultánea, en ambas as localidades a iluminación acenderase ás 20 horas, mentres que no resto das parroquias farase de forma progresiva a partir desta hora.
Para completar o aceso a Concellería de Cultura, que dirixe Roberto Carlos Agís, programou unha festa popular que conta coa colaboración de diferentes asociacións e que concluirá cunha chocolatada para todos os asistentes.