Manuel Campos busca en Madrid desbloquear a situación do polígono da Ran
Por Redacción
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, está decidido a desbloquear a situación do polígono industrial da Ran. Para iso, este mércores mantivo un encontro en Madrid coa directora xeral da Entidade Pública Empresarial del Suelo (SEPES), Lucia Molares, para tratar de impulsar un estudo de viabilidade económica sobre as posibilidades de negocio que pode ofrecer o polígono ás empresas interesadas.
Este organismo, dependente do Ministerio de Fomento, comprometeuse, segundo avanzou o alcalde, a levar a cabo este estudo como primeiro paso antes do futuro desenvolvemento do polígono, que en todo caso faríase por fases.
O primeiro obxectivo será ofertar chan ás empresas que xa están situadas na Ran e que queiran ampliar as súas instalacións e, a continuación, manteranse contactos con outras empresas de Cuntis e da comarca de Caldas para tratar de atraelas a este polígono.
O alcalde, que acudiu a Madrid acompañado do asesor xurídico Calixto Escariz, non se arrisca a poñer prazos para este estudo económico, pero desde o goberno municipal farán todo o posible para que sexa canto antes. De feito, nos próximos días remitirán ao Sepes toda a documentación necesaria para que poidan facer este informe.
Manuel Campos espera que estes contactos co Sepes logren desbloquear a situación do polígono, tendo en conta que a outra opción, que era Xestur Galicia, indicoulles que non podían afrontar nestes momentos ningunha operación deste tipo.
Relacionadas:
-
Cuntis pide fondos á Deputación para mellorar o polígono da Ran e crear un viveiro de empresas
Por Redacción |
-
Cuntis acusa á Xunta de "falta de interese" por potenciar o polígono da Ran
Por Redacción |
-
Veciñanza de Cuntis pide á Deputación que apoie o desenvolvemento do Polígono da Ran
Por Redacción |
-
Tratan de desbloquear o plan de sectorización do polígono industrial da Ran
Por Redacción |