Poio pide "tranquilidade" aos veciños porque a que está sendo investigada "é a empresa Aquagest"
Por Redacción
O goberno local de Poio, tras a intervención do Servizo de Vixilancia Aduaneira do pasado mércores, pide "tranquilidade" aos veciños do municipio. O alcalde, Luciano Sobral, reiterou que non se tratou dun rexistro, senón dunha "búsqueda de información", e que en todo caso a xuíza da Operación Pokemon non está interesada no Concello de Poio senón que a que está sendo investigada "é a empresa Aquagest".
Neste sentido, os axentes de Audanas requisaron unha ducia de caixas con expedientes completos de contratos, facturas e outras actuacións realizadas por Aquagest en Poio, tras algo máis de sete horas de rexistro.
En concreto, a xuíza socilitaba especialmente os contratos de dúas obras: a ampliación da rede de auga potable e saneamento en Chancelas, e outra obra en Campelo; así como todos os contratos con Aquagest desde o ano 2006.
Luciano Sobral, que afirmou que os funcionarios municipais colaboraron en todo momento cos requirimentos da titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, defendeu a "xestión transparente" do seu goberno e asegura non entender esta actuación porque Aquagest "non é precisamente a que máis volume de traballo está tendo en Poio". É a actual concesionaria do servizo de augas, abastecemento e saneamento, un contrato por 20 anos que expira dentro de dous.
O alcalde compareceu ante a prensa acompañado dos membros do goberno municipal, incluída a tenente de alcalde e responsable de Obras, a socialista Chelo Besada, que do mesmo xeito que o mesmo día da intervención facía Luciano Sobral, destacou que todos os procesos de adxudicación de fixeron a través de mesa de contratación, salvo algunhas actuacións menores que non necesitan pasar ese trámite.
Relacionadas:
-
Aduanas busca expedientes de Aquagest no Concello de Poio por orde da xuíza da Pokemon
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada