Enfado dos comerciantes pola ausencia de iluminación do Nadal nalgunhas rúas
Por Oskar Viéitez
Comerciantes de rúas tan céntricas como Oliva, Cruz Gallástegui, Sagasta, Riestra ou Gutiérrez Mellado, trasladaron o seu enfado ante a ausencia de iluminación do Nadal. A decoración luminosa estreouse o pasado venres de maneira incompleta.
Segundo a explicación oficial, a nova empresa concesionaria: Iluminación Umia, que durante os próximos dous anos encargarase de instalar os arcos de luz durante as festas de Nadal, Entroido, Santiaguiño do Burgo e Peregrina, non fixo os seus deberes a tempo.
O pasado 30 de novembro a Xunta de Goberno Local aprobou o contrato para a iluminación festiva da cidade ata o ano 2017, unha actuación á que lle dedica unha partida de 162.067,40 euros.
Nos próximos días Iluminación Umia terá que completar a tarefa para a que foi contratada. O pasado venres, a concelleira de Festas, Carme dá Silva, asegurou que se instalarán arcos de luces nas mesmas rúas e prazas que o ano pasado.
O Concello de Pontevedra, xunto coas asociacións de comerciantes Centro Comercial Urbano Zona Monumental e a Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa (Aempe) encárganse de decorar a cidade por estas datas.
En concreto Zona Monumental gastou este Nadal 16.000 euros, segundo informou o seu presidente Miguel Lago. Os membros de Aempe sufragan o consumo eléctrico das luces.