Un colectivo de Portonovo presentará un proxecto para organizar a Festa da Raia
Por Redacción
A escasa participación de colectivos na segunda das reunións convocadas polo Concello para abordar o futuro e a organización da Festa da Raia levou ao concelleiro de Cultura, Carlos Agís, a poñer sobre a mesa o feito de que a continuidade da Festa da Raia está directamente vinculada ao interese que mostren nela os veciños de Portonovo.
O edil considera fundamental que exista unha vinculación e identificación entre os cidadáns e o festexo para garantir a súa viabilidade.
O departamento de Cultura considera que "un orzamento de 40.000 euros na organización da Festa da Raia non é acorde á repercusión que este evento ten en Portonovo", polo que traballa na procura de fórmulas alternativas que reduzan o investimento que debe realizar o Concello.
A proposta atopou apoios entre os colectivos asistentes. E un deles comprometeuse a presentar un proxecto a principios de xaneiro no que se detalle un novo deseño do evento, asumindo polo menos en parte a organización.
Unha das cuestións expostas é, por exemplo, que na Festa da Raia se recupere o modelo orixinal, no que a elaboración se realizaba directamente na carpa, para que a "cociña en vivo" sexa outro dos seus atractivos. E é que ademais, o evento pretende render tamén homenaxe aos mariñeiros, que outrora tiñan o costume de degustar a raia en caldeirada nos establecementos hostaleiros situados nas proximidades do porto.
A data de realización é outra das cuestións que se barallou no encontro cos colectivos, propoñéndose varias alternativas cun obxectivo común, que é conseguir unha maior participación dos hostaleiros e dos veciños dos municipios limítrofes.
Roberto Carlos Agís estudará esta proposta para a súa posible aplicación na edición da Festa da Raia de 2016, tendo en conta que o concelleiro de Cultura quere xa aplicar dúas premisas: unha redución do custo para as arcas municipais, avanzando nun modelo que chegue a permitir a autofinanciación da festa e a garantía da máxima implicación dos colectivos de Portonovo.
Relacionadas:
-
Can de San Roque quere organizar a Festa da Raia en setembro na lonxa de Portonovo
Por Redacción |
-
O PP considera "inaceptable" que un concelleiro "friki" decida suspender a Festa da Raia
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local analiza cos colectivos de Portonovo o futuro da Festa da Raia
Por Redacción |