Tomeza, Salcedo e Lourizán fan as súas suxestións para optar aos fondos europeos
Por Redacción
Os Consellos Parroquiais de Tomeza, Salcedo e Lourizán fixeron nos últimos días as súas suxestións para incorporar aos proxectos cos que o Concello de Pontevedra vai a optar á nova convocatoria dos fondos europeos para o desenvolvemento urbano sustentable e integrado.
En total, Pontevedra optará a estes fondos por un importe de 18 millóns de euros e segundo sinalaron no seu momento desde o goberno municipal terán cabida actuacións relacionadas coa extensión do modelo de mobilidade ás parroquias, a recuperación do patrimonio natural e cultural, a integración e loita contra a pobreza, o fomento do turismo ou o achegamento dos cidadáns á administración.
Destes tres consellos parroquiais saíron distintas suxestións vencelladas a mellora da mobilidade e accesibilidade, a recuperación e promoción do patrimonio histórico e natural e a mellora de servizos básicos.
Así, o de Tomeza apostou pola extensión do modelo urbano aos diferentes puntos da parroquia, nomeadamente ás conexións con Pontevedra, incluíndo os viarios da Deputación; pola creación de roteiros peonís que unan San Cibrán co resto da parroquia aproveitando os camiños existentes e promocionar a romaría do santo; e humanizar o adro da igrexa, retirando os coches para garantir a seguranza viaria.
Pola súa banda, Salcedo suxeriu instalar placas solares no pavillón de Cabanas e construír novas instalacións deportivas, adquirir e rehabilitar diversos muíños para a súa preservación e realización de traballos de mantemento dos roteiros ou afondar no proxecto de desenvolvemento do núcleo de centralidade da parroquia.
En Lourizán, os veciños pediron habilitar traídas de auga en toda a parroquia e a separación de augas pluviais e fecais, instalar placas solares e incluír o proxecto de xeotermia na confraría de pescadores, construír carrís bici que unan Lourizán e o casco urbano e conectar diferentes lugares da parroquia, habilitar una senda peonil dende as instalacións da Brilat a Pontevedra, aplicar medidas para potenciar o mercado de abastos de Estribela e para a dinamización do Cabo e o Areal, fomentar o coñecemento do espazo natural e arqueolóxico dos Sete Camiños ou acondicionar a contorna do colexio Carballeira e os lugares de As Nogueira e Agrovello.
Relacionadas:
-
Cerponzóns tamén quere a súa parte dos fondos europeos
Por Redacción |
-
Un "food lab market" para dinamizar a praza de abastos
Por Marisa Ciordia |
-
Alianza entre a Deputación e o norte de Portugal para optar aos fondos europeos
Por Alejandro Espiño |
-
O goberno local optará aos fondos europeos coa intención de acelerar proxectos en marcha
Por Redacción |
-
Pontevedra volverá a optar a fondos europeos, con críticas do PP ao proxecto do goberno local
Por Redacción |