O Concello de Pontevedra suspende en transparencia
Por Oskar Viéitez
A Rede Localis, un colectivo que reúne a profesionais que traballan en concellos e profesores e investigadores das tres universidades galegas, presentou este mércores en Santiago un estudo no que pon de manifesto que o Concello de Pontevedra "suspende en transparencia".
É dicir, non cumpre coas esixencias da Lei 19/2013 de transparencia, acceso á información pública e bo goberno (LTBG) que entra en vigor este xoves.
Os responsables deste estudo, Concepción Campos e José Caamaño, sinalaron que o pasado ano 2014, Pontevedra situábase moi por baixo da media española en tranparencia administrativa, que era de 85,2 puntos mentres que o concello da cidade do Lérez foi de 43,8 puntos.
Por indicadores, o peor resultado na transparencia está en contratacións e custos de servizo onde Pontevedra obtén un cero, unha distancia enorme respecto da media española de 74,1.
Algo semellante ocorre na área económica-financeira, onde Pontevedra recibe unha puntuación de 54,5, fronte á media española de 90.