Tres feridos nun accidente de tráfico na avenida de Lugo
Por Redacción
Os dous pasaxeiros dun Citroën Xsara resultaron feridos leves tras quedar atrapados entre outro turismo, un Opel Astra e unha furgoneta Transit na avenida de Lugo a douscentos metros do cruzamento de Montecelo en Mourente.
O accidente producíase cando tanto o condutor da furgoneta, que tamén sufriu feridas leves, e os dous ocupantes do Xsara mantíñanse parados nesta vía á espera de que outro turismo virase cara a un taller da zona. O condutor do Opel Astra, por culpa dun descoido segundo fontes da Garda Civil de Tráfico, impactou con forza contra o Xsara.
Os bombeiros de Pontevedra foron alertados e desprazáronse ata a zona por se era necesario que rescatasen á parella que circulaban no vehículo. Con todo, non foi necesaria a súa intervención. A muller sufría unha brecha nunha cella e diferentes contusións e o home sentía molestias no pescozo e ambos foron trasladados por unha ambulancia ao Hospital de Montecelo.
Ata o lugar desprazáronse, ademais de axentes da Garda Civil de Tráfico, unha dotación da Policía Local que regularon o tráfico mentres non foron retirados os vehículos. Requiriuse a intervención dos efectivos do mantemento de estradas para limpar o viario de cristais e restos de aceite sobre a vía.