Reclaman un aparcadoiro público para o Centro Médico de Carballedo
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Socialista en Cotobade solicitou con urxencia ao alcalde do municipio, Jorge Cubela, que atope unha solución á falta de aparcadoiro ante o Centro Médico de Carballedo. Neste sentido reclaman a creación dun espazo de estacionamento público.
Denuncian que desde que se puxo en marcha o centro médico coa ampliación do multiusos, os usuarios carecen dun lugar onde estacionar os vehículos. Ante esta situación, moitos dos pacientes que acoden ás instalacións teñen que aparcar sobre as beirarrúas.
Como consecuencia, a Garda Civil de Tráfico xa multou a varios turismos mal estacionados creando un importante malestar entre os veciños. Tamén, segundo o PSOE, numerosos usuarios con escasa mobilidade teñen que desprazarse de lonxe ao verse obrigados a buscar un lugar de aparcadoiro lonxe do centro médico.
Este espazo leva xa case dous anos en funcionamento e, segundo sinala a portavoz do grupo municipal socialista, Lina Garrido, xa se manifestaron estas reclamacións en repetidas ocasións.