Os gardacostas requisan aos furtivos máis dunha tonelada de peixe e marisco
Por Redacción
Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, requisaron máis dunha tonelada de peixe e marisco e numerosos aparellos de pesca en diferentes operativos realizados polo litoral pontevedrés durante a semana pasada. Os inspectores da Xunta tamén se fixeron con 5.400 metros de artes de enmalle.
Estes son os resultados dos controis que está levando a cabo a Consellería do Mar para vixiar a extracción ilegal de cara ás festas de Nadal.
Na ría de Arousa houbo varios operativos que deron como resultado o comiso de máis de 977 quilos aparellos e a incautación de 70 aparellos de pesca e 4.400 metros de aparellos de enmalle.
A actuación máis relevante foi nos portos de Tragove e Meloxo, nos que se comisaron 180 quilos de reló, 115 de volandeira, 46 de centola, 38 de nécora e 12 de camarón e nos que se incautaron 12 sacos viveiros sen identificar.
Por outra banda, na ría de Pontevedra os gardacostas requisaron preto de 240 quilos de diversas especies e 111 útiles. O operativo máis destacado foi nos portos de Bueu e Beluso, onde os axentes incautaron preto de 160 quilos de centola, 21 de nécora, preto de 19 de vieira, 8 de ostra, máis de 4 de camarón e 19 viveiros de rede por carecer de identificación.
Ademais, nun operativo na praia de Area de Bon, en Aldán, os axentes comisaron preto de 6 quilos de centola, polbo e nécora e noutra actuación na ría de Vigo fixéronse con 7 quilos de bruños e cun equipo de mergullo.
Relacionadas:
-
Identifican un furtivo que 'andaba á navalla' en Raxó
Por Redacción |
-
A loita contra o furtivismo intensifícase nas estradas e lonxas galegas
Por Redacción |
-
Entregan ao comedor de San Francisco percebes comisados aos furtivos
Por Redacción |
-
Requisan 350 quilos de ameixa xapónica que excedía o cupo na lonxa de Campelo
Por Redacción |