Entregan ao comedor de San Francisco percebes comisados aos furtivos
Por Redacción
O Servizo de Gardacostas dependente da Consellería do Mar entregou a centros benéficos máis de 500 quilos de peixe e marisco comisado na última semana de decembro. Este produto, que se entregou ao comedor de San Francisco, en Pontevedra e Cociña Económica e ao centro Cottolengo, en Santiago de Compostela, e foi requisado en tres controis, dous deles realizados por estrada.
Un foi o pasado 29 de decembro en Ourense, na autovía A-52 e foi realizado en colaboración co Seprona de Ourense e coa Garda Civil de Tráfico.
Este operativo deu como resultado o comiso de 335 quilos de distintas especies de peixe e marisco por non presentar a documentación pertinente ou por transportar especies de talla antirregulamentaria. A mercadoría que comisaron os axentes foi 50 quilos de ameixa xapónica, 130 quilos de pescada, 27 quilos de polbo, 22 quilos de peixe espada, 27 quilos de anel de lura, 41 quilos de dourada, 1 quilo de linguado, 22 quilos de pescadilla e 15 quilos de pota.
Ese mesmo día, nun control realizado por terra en Bueu comisaron 14 quilos de polbo de talla antirregulamentaria, que tamén foi destinado á beneficencia.
Ademais, os Gardacostas da Consellería do Mar entregaron 175 quilos de percebe a estes centros. Este produto procedía do comiso dun control realizado coa Policía Autonómica o pasado 28 de decembro na estrada A-55, á altura de Tui. Neste control tamén se requisaron 1.464 quilos de ameixa xapónica e 12 quilos de ameixa fina, produto que foi destruído por descoñecer a súa procedencia e por non poder garantir as súas condicións hixiénico-sanitarias.
OUTROS CONTROIS
A maiores, noutros controis realizados nas dúas últimas semanas no litoral da ría de Arousa os Gardacostas requisaron preto de 8 quilos de ameixa, que foron devoltos ao mar, e unha planeadora da terceira lista á que tamén lle incautaron 70 butróns, debido a que nesta época non está permitido o uso desta arte.
Relacionadas:
-
A loita contra o furtivismo intensifícase nas estradas e lonxas galegas
Por Redacción |
-
Tres toneladas de alimentos para o comedor franciscano
-
Requisan 350 quilos de ameixa xapónica que excedía o cupo na lonxa de Campelo
Por Redacción |
-
Os gardacostas requisan aos furtivos máis dunha tonelada de peixe e marisco
Por Redacción |