Recuperan a área natural do Viveiro de Pazos
Por Redacción
Os operarios municipais empréganse a fondo estes días para rehabilitar unha zona de alto valor ecolóxico entre Pazos e Rebordelo que se atopa nunha situación de total abandono e se convertira nun foco de vertedoiros de lixo ilegais.
Estes traballadores están a levar a cabo traballos de roza e poda de árbores de distintas especies que cohabitan nesta importante área recreativa que outrora foi lugar de disfrute habitual do lecer de fin de semana para os veciños de Ponte Caldelas e a súa contorna.
Tamén se procederá á retirada inicial duns columpios enferruxados e obsoletos existentes no lugar que, segundo se vexa a súa conveniencia ou non poderán ser substituídos por outros máis modernos e acordes á normativa europea de seguridade sobre estes elementos de xogo infantil.
O Vivero de Pazos atópase encadrado nunha das moitas rutas de sendeirismo que discorren polo municipio, concretamente na do Camiño dos Arrieiros que, desde Forzáns, atravesa todo o concello ata A Reigosa, en dirección a Pontevedra.