Condenan ao Sergas polos danos xerados a unha paciente durante un parto no CHOP
Por Oskar Viéitez
Un Xulgado Contencioso de Santiago de Compostela condenou ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a que indemnice a C.A.I., de 45 anos na actualidade, e veciña de Vilagarcía de Arousa, polos danos xerados tras un parto no ano 2001 atendido no Complexo Hospitalario de Pontevedra (Chop).
A paciente, a través dos servizos xurídicos de del Defensor do Paciente en Galicia presentou unha reclamación ao Sergas.
Segundo informou o avogado Cipriano Castreje, a sentenza condenatoria sinala que non consta historia clínica do embarazo e parto, nin dos feitos posteriores ao parto. Tampouco consta como foi a cirurxía dun hematoma vaxinal que a paciente padeceu tras o mesmo e que a obrigou a permanecer ingresada no Chop varias semanas, e faltan datos tan importantes como o partograma. "Non só faltan estes datos, senón que tampouco houbo consentimento informado para o traballo de parto", explica o letrado.
Do mesmo xeito, a sentenza sinala que "non consta acreditada a existencia de información válida, cos requisitos esixibles".
Como consecuencia dese parto, a paciente sufriu un dano no nervio pudendo (nervio que se atopa na rexión pélvica e que inerva os xenitais externos, así como tamén os esfínteres da vexiga urinaria e o recto) que a incapacitou de forma absoluta para todo tipo de traballo alterando a calidade de vida da paciente e de toda a familia.
Cipriano Castreje indica que a lesión do nervio pudendo foi evolucionando ata facerse "incompatible coa posibilidade de desempeñar un traballo remunerado", xerando "serios problemas en todos os aspectos da vida".
A afectada sofre dor permanente e necesita axuda de terceiras persoas para as actividades básicas da vida diaria
A afectada C.A.I. sofre dor permanente, non pode sentar, non pode estar de pé moito tempo, e necesita axuda de terceiras persoas para as actividades básicas da vida diaria. De feito a paciente tivo que ser intervida en Francia por unha autoridade mundial no campo da cirurxía do pudendo, o Doutor Eric Bautrant, que non puido conseguir un resultado óptimo e que relacionou o dano no nervio pudendo coa cirurxía post-parto.
Na actualidade a paciente está nunha situación "altamente incapacitante" e antes de ingresar no CHOP para dar a luz era unha persoa que traballaba e gozaba dunha saúde completamente normal.
A sentenza non é firme.