Amizade alerta dos problemas de accesibilidade no colexio electoral do Teleclub de Alba
Por Redacción
Na inminente xornada electoral do próximo domingo 20 de decembro "existirá discriminación no dereito ao voto" en Pontevedra.
Así de contundente móstrase Amizade, a asociación de persoas con discapacidade da comarca, ao denunciar a existencia de polo menos un colexio electoral que presenta problemas de accesibilidade.
En concreto centran a súa denuncia no Teleclub de Alba, ao que só se pode entrar a través de dous tramos de escaleira que fan imposible o acceso a persoas con mobilidade reducida.
"Non se trata de que baixen a furna a pé de rúa senón de que calquera cidadán poida exercer o seu dereito ao voto sen ter que pedir favores, sen que teñamos que soportar discriminación", explican desde Amizade nun comunicado.
Por ese motivo a asociación pide a intervención do Concello de Pontevedra na busca dunha solución no Teleclub "así como noutros colexios que poidan non ser accesibles" cumprindo así coa lexislación vixente nunha sociedade cada vez máis concienciada coa igualdade.