Un audiovisual con escolares de Sanxenxo contra a violencia de xénero arrasa no Facebook
Por Redacción
Máis de 6.000 reproducións en apenas 24 horas. A violencia nos ollos da infancia, o emotivo audiovisual elaborado polo CIM con motivo da Gala contra a Violencia de Xénero está a causar un enorme furor nas redes sociais, desde que se publicase no perfil de Facebook do Concello de Sanxenxo.
A idea de A violencia nos ollos da infancia xurdiu no momento no que o CIM comezou a organización da gala deste ano, deseñada en colaboración con Teatro do Mar. Foi precisamente esta asociación a que suxeriu a iniciativa, que non podía asumir por carecer de medios e de orzamento.
Foi entón cando Benestar Social asumiu o proxecto. Púxose entón en contacto con dous colexios para solicitar a súa colaboración. Foi o de Portonovo o que aceptou participar e a directora do centro encargouse da elección dos escolares, con idades de 5, 6, 10 e 11 anos, que foron previamente autorizados polas súas familias para ser filmados.
"Diana Názara, a directora do CIM, encargouse de facer as preguntas, mentras eu ía gravando o que dicían. Tamén Bea, a xurista do CIM, traballou neste tema xa que quedaba cos rapaces mentras iamos gravando as respostas de un en un", explica Sandra Fernández Agraso, que despois entregou todo o material a Ramón Otero, realizador da TVG, que se encargou de editalo.
O obxectivo do CIM era visualizar que a violencia de xénero non está "non noso código xenético, senón que se aprende co tempo. Con el queremos demostrar a importancia de educar en igualdade para erradicar esta secuela", segundo a edil, satisfeita de que "todos os nenos que participaron no vídeo rexeitaron golpear á meniña. Ese rexeitamento por actitudes violentas aléntanos a continuar traballando para que ese comportamento non cambie nunca".
Ante a gran acollida deste vídeo, este departamento municipal estuda crear traballos similares para abordar outras problemáticas. E é que o audiovisual será entregado a todos os colexios do municipio para que sirva de base para traballar o valor da igualdade nas aulas.