Este domingo toca votar baixo a chuvia nas Rías Baixas
Por Redacción
O domingo será necesario levar un chuvasqueiro ou o paraugas para achegarse ao colexio electoral a votar. As choivas estarán presentes durante todo o fin de semana.
Este sábado virá marcado, segundo o servizo de Meteogalicia, polo vento do sur que soprará con intensidade forte durante toda a xornada e pola entrada dunha fronte cara á noite. Así, os ceos presentarán nubes de tipo medio e alto pola mañá e pola tarde entrarán nubes baixas polo litoral atlántico e comezará a chover polo oeste. Durante a noite, as choivas estenderanse a toda Galicia e terán carácter localmente tormentoso.
As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso, mentres que as máxima non experimentarán cambios significativos. O vento soprará forte do sur, con refachos moi fortes no litoral e zonas altas.
O domingo, día de xornada electoral, os ceos alternarán nubes e claros e con chuvascos ocasiones máis probables no oeste. As temperaturas tanto máximas como mínimas descenderán moderadamente situándose entre as 9 e os 16 graos, volvendo a valores máis normais para a época do ano. O vento soprará do suroeste, frouxo con intervalos de moderado no litoral norte.
Durante o luns, Galicia quedará nunha situación transitoria entre altas e baixas presións. Desta forma, agárdanse ceos alternando nubes e claros, con máis nubes no litoral atlántico. As temperaturas mínimas sufrirán un moderado descenso, con formación de xeadas en comarcas do interior. Alternarán entre os 10 e os 15 graos. Os ventos soprarán de compoñente sur.
A partir do martes, o tempo continuará marcado polos ventos do compoñente sur, que seguirán deixando temperaturas moi suaves e probabilidades altas de precipitacións durante toda a semana na franxa atlántica.