A oposición forza ao BNG a celebrar o Pleno o día despois das eleccións
Por Alejandro Espiño
Ao BNG comeza a pasarlle factura a súa posición á hora de aprobar os orzamentos municipais. Tras aquela polémica sesión, os grupos de oposición aseguraron que se acabaron os xestos de cortesía co goberno municipal e cumprírono na primeira ocasión que tiveron. O Pleno ordinario de decembro, que o BNG quería aprazar para evitar que coincidise co día despois ao 20-D, será finalmente o luns.
Os nacionalistas alegaban que moitos dos funcionarios que se encargan da preparación das sesións plenarias, entre eles o secretario do Pleno -que é o responsable de coordinar o operativo electoral no municipio-, aínda estarán a realizar tarefas relativas a esta cita coas urnas. Esta decisión, segundo Raimundo González, "en todo caso causa prexuízos aos funcionarios municipais".
O portavoz do BNG asegurou que se deron varias opcións para celebrar o pleno noutra data e "pecháronse en banda" todos os grupos municipais "facendo seguidismo" do portavoz do PP, Jacobo Moreira, o primeiro que mostrou a súa oposición para cambiar a data prevista. "É un berrinche", dixo.
En todo caso, será un pleno sen apenas contido. Na orde do día tan só incluíuse a modificación da ordenanza de furanchos, senllos recoñecementos de débeda que ascenden a uns 6.000 euros e dúas mocións de Marea Pontevedra, unha relativa ás conexións do AVE con Galicia e outra para que se aumenten a cobertura ás persoas sen teito na cidade.
Segundo Raimundo González, o PSdeG-PSOE optou por retirar a súa moción sobre un Plan de Emprego para Pontevedra, o PP fixo o mesmo coa súa para deixar en suspenso as licenzas para plantas de compostaxe en todo o municipio e Marea tamén apraza o debate doutras dúas iniciativas, unha sobre a Praza da Castaña e outra relativa a cuestións de accesibilidade.
O Pleno celebrarase o vindeiro luns 21 de decembro, ás once da mañá, no Teatro Principal.
Relacionadas:
-
O Concello pecha a porta a suspender a licenza da planta de compost
Por Diego Espiño |
-
Marea propón redactar un novo regulamento de participación cidadá en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG aproba os orzamentos de 2016 ao aproveitar a ausencia dun concelleiro do PP
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |