Pouco debate no Pleno e moita resaca... electoral
A resaca electoral fíxose patente no Pleno municipal celebrado este luns no Teatro Principal. As caras duns e outros reflectían os estados de ánimo que esta cita coas urnas deixou nos políticos pontevedreses. A alegría, como se adoita dicir, ía por barrios e foron moitas as referencias ás eleccións nas escasas intervencións dunha sesión -máis descafeinada do habitual- que durou apenas corenta minutos.
Máis aló dos reproches que, especialmente PSdeG-PSOE e PP, realizáronse pola escenografía do Pleno -similar á sesión de honras dos premios Cidade de Pontevedra sen as habituais mesas e os concelleiros sentados en cadeiras ao redor do escenario do teatro- poucos asuntos requiriron de debate, xa que case todos eles foron aprobados por unanimidade de todos os grupos municipais.
Así, acordouse modificar a ordenanza de furanchos para que, a petición do propio sector, poidan abrir xa en xaneiro; ou se aprobou un recoñecemento extraxudicial de crédito duns 6.000 euros. Tamén se deu un paso máis para resolver a situación urbanística do edificio de Michelena 24 e informouse de que Patrimonio podería aprobar este martes a declaración de ruína do Pazo de Mariño Lobeira, situado en César Boente, o que aceleraría a súa reforma.
Ademais, tamén se aprobou por unanimidade unha moción de Marea Pontevedra na que se solicitaba ao Concello que faga un "esforzo maior" para aumentar a partida destinada ao aloxamento das persoas sen teito na cidade -215 segundo os datos achegados por Luís Rei- e que se amplíen as prazas en albergues, hostais e outras instalacións para acollelos, especialmente en épocas nas que haxa unha climatoloxía máis adversa.
A segunda moción que se debateu neste pleno foi presentada tamén por Marea. Neste caso, solicitaba o apoio do resto de grupos políticos para instar, entre outros, a RENFE e Fomento para que a conexión ferroviaria entre Pontevedra e Madrid fixésese aproveitando o corredor do Eixo Atlántico de Alta Velocidade, o que reduciría o traxecto a menos de seis horas. "Non tería custo algún e sería moi razoable", explicou Luís Rei.
Tanto PP como Ciudadanos e BNG votaron a favor desta iniciativa, ao entender que é positivo aproveitar as infraestruturas existentes. O PSdeG-PSOE, pola súa banda, abstívose porque a pesar de considerar que se trata dunha boa "solución provisional", o portavoz socialista, Agustín Fernández, asegurou que "non queremos darlle escusas a Fomento" para que descarte a conexión de Pontevedra coa capital de España por Cerdedo.
Relacionadas:
-
Lores avisa que "non colaboraremos directamente" con Rías do Sur ata resolver o conflito coa piscina
Por Alejandro Espiño |
-
Marea Pontevedra alerta dos "perigos" asociados ao estado de abandono dos edificios de César Boente
Por Redacción |
-
Os furanchos pontevedreses poderán iniciar a súa actividade en xaneiro
Por Redacción |