Na busca do Gordo
Por Redacción
Son moitos os pontevedreses que esta noite durmirán alagados de ilusión. Como cada 22 de decembro, este martes espertarémonos coas cantarinas voces dos nenos de San Ildefonso. Eles serán, un ano máis, os que repartirán sorte no Sorteo Extraordinario de Lotería de Nadal. Trátase dun evento para o que cada galego investiu 59,62 euros de media, segundo a cifra de consignación por habitante de Loterías e Apostas do Estado (LAE).
O maior gasto por habitante prevese na provincia da Coruña, onde esta cifra sitúase nos 69,04 euros; seguida de Lugo, con 67,35 euros; Pontevedra, con 51,12 euros; e Ourense, cun gasto estimado de 43,38 euros por habitante.
Quedamos, en todo caso, moi lonxe dos 93,03 euros que se gastan os castelán-leoneses ou os 88,67, 88,50 e 87,37 euros que invisten, respectivamente, rioxanos, asturianos e aragoneses. No lado contrario, os que este ano se gastaron menos son os habitantes das cidades autónomas de Melilla (13,07 euros) e Ceuta (13,49), seguidos dos de Baleares (35,8 euros), Canarias (40,68 euros) e Andalucía (44,51 euros).
En Galicia están consignados 819.371 billetes de Lotería, o que supón un gasto global de máis de 163,8 millóns de euros.
Con este novo sorteo, os pontevedreses esperan que o Gordo volva caer nunha provincia na que houbo sorte en tres ocasións, en Vigo, O Rosal -nesta última unha serie hai dous anos- e en Pontevedra cidade. Nesta última, salvo algún boleto solto traído dalgunha outra localidade, non recae o primeiro premio desde o ano 1986.
DETALLES DO SORTEO
O Sorteo Extraordinario de Nadal repartirá este martes un total de 2.240 millóns de euros en premios, a mesma cifra que o ano anterior, e os agraciados co 'Gordo' recibirán 400.000 euros ao décimo, con 640 millóns de euros a repartir con este premio principal.
O segundo premio ascenderá a 1,25 millóns de euros e o terceiro é de 500.000 euros. Ademais, como o ano pasado, haberá dous cuartos premios de 200.000 euros e oito quintos de 60.000 euros.
En concreto, por cada euro xogado, os acertantes do primeiro premio levarán 20.000 euros; os do segundo, 6.250 euros; os do terceiro, 2.500 euros; os dos cuartos, 1.000 euros; e os dos quintos, 300 euros. Tamén, haberá dúas aproximacións premiadas con 20.000 euros cada unha para os números anterior e posterior ao do que obteña o primeiro premio, outras dúas aproximacións de 12.500 euros para os números anterior e posterior ao segundo premio e dúas aproximacións máis premiadas con 9.600 euros para os que se acheguen ao terceiro premio.