As 'chiquitas' antes da Noiteboa irán a ritmo de charanga
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas amenizará a horas previas á cea de Noiteboa coa charanga tradicional "Airiños da Fracha" que percorrerá os principais establecementos hostaleiros do centro da vila interpretando cancións típicas do seu repertorio.
A intención do grupo de goberno é contribuir a crear un ambiente festivo entre as 19 e as 21 horas, momento que soe ser aproveitado polos veciños e veciñas de Ponte Caldelas para saír dos seus centros de traballo e brindar cos amigos polo Nadal.
Esta iniciativa enmárcase dentro das que se levan realizado ao longo dos últimos meses co fin de recuperar a Ponte Caldelas como punto de encontro dos veciños deste municipio e doutros limítrofes que tiñan antaño nesta vila a súa referencia comercial e festiva.
"Airiños da Fracha" irán cambiando de establecemento co fin de abarcar o máximo de locais posibles e amenizar coas súas cancións festivas e desenfadadas este Nadal 2015.
ORQUESTRA PARA FIN DE ANO AO ABRIGO DUNHA GRAN CARPA
Tamén o Concello de Ponte Caldelas está ultimando a contratación da orquestra Triunfo co fin de que protagonice unha verbena de Fin de Ano, que terá lugar en Noitevella a partir da unha da madrugada, e que servirá para despedir o 2015 e dar a benvida ao Aninovo. A actuación celebrarase nas inmediacións da Alameda de Ponte Caldelas e contará cunha carpa para previr incomodidades atmosféricas.
O grupo de goberno pretende ofertar a Ponte Caldelas como un lugar axeitado para a despedida do 2015 e celebrar por todo o alto e cunha das orquestras do momento a chegada do Aninovo 2016.