Gambóns, crema de espárragos, langostinos ao vapor e bacallau á galega menú especial nos hospitais pontevedreses
Por Redacción
O servizo de hostalería do Hospital Montecelo ofrecerá durante o Nadal menús especiais, para que as persoas que teñan que pasar estas datas ingresadas poidan gozar destas vindeiras festas.
Deste xeito, na cea de Noiteboa, aqueles pacientes que non teñan restricións alimentarias, poderán degustar pratos coma crema de marisco, langostinos ao vapor, bacallau á galega con patacas e coliflor e delicias de Nadal como sobremesa. O día de Nadal almorzarase crema de ave con picatostes, salpicón de marisco e cordeiro asado ao forno con patacas panadeira, e tronco de Nadal ou piña natural de postre.
En Noitevella, a cea consistirá en gambóns con dúas salsas, crema de espárragos trigueiros, rape á americana, doces do Nadal e as uvas da sorte. O menú de Aninovo ofrecerá sopa de ave con tropezóns, vieiras ao forno, bitokes de tenreira con patacas pontenovo e champiñóns e de sobremesa torta de xema tostada ou macedonia de froitas.
E, finalmente, o día de Reis, o menú do xantar inclúe sopa de pasta, langostinos ao vapor, pavo con patacas ao forno e pemento asado, con pera en xugo de laranxa e canela de sobremesa.
HOSPITAL DO SALNÉS
Nas ceas de Noiteboa e Noitevella, tanto os profesionais coma aqueles pacientes que non tiñan restricións alimentarias poderán elixir entre pratos coma o pastel de marisco, o salpicón de marisco e a sopa de galiña de primeiro, e o bacallau á galega con patacas e coliflor, escalopíns ao Oporto con arroz branco e champiñóns ou codillo ao forno con guarnición.
De sobremesa haberá delicias de Nadal e uvas da sorte en Noitevella, tanto para os pacientes como para os acompañantes. Así mesmo, o día de Nadal poderanse xantar pastel de atún ou bisquet de marisco de primeiro, e de segundo elixir entre tenreira con guarnición e pescado á mariñeira, con torta de queixo de postre.
En Aninovo, o menú do xantar a elixir ofrecerá arroz frito con gambas ou crema Vichyssoise de primeiro, mentres que de segundo prato optarase por polo á laranxa con guarnición ou pescado á mariñeira, con torta caseira de postre.
E, finalmente, o día de Reis, o menú do xantar a elixir propón de primeiro salpicón de marisco ou pastel de atún, e de segundo pavo en crema de champiñóns ou bacallau á vasca, con roscón de Reis de sobremesa.
PRETO DE MIL MENÚS AO DÍA
A cociña do hospital Montecelo é a diario un fervedoiro de actividade, na que un equipo composto por máis de 60 persoas, que inclúe cociñeiros, pinches, gobernantas, administrativos e técnicos en dietética e nutrición, baixo o mando da xefa de cociña Loida Río Salvador, traballan para converter a comida nun factor máis para a recuperación do paciente. Preto de mil menús sérvense ao día neste centro sanitario, entre almorzos, comidas, merendas e ceas, todos eles axustados ás necesidades terapéuticas, dietéticas e nutricionais dos pacientes e, nos casos das dietas normais, tamén ás súas preferencias e gustos.
A planificación é un factor crave nunha cociña que chega a consumir ao ano 40.000 litros de leite, 41.000 quilos de patacas, 240.000 bolos de pan, 36.000 quilos de froitas e verduras, 15.000 quilos de peixe e 18.000 quilos de carnes, entre outras cifras astronómicas. Isto esixe unha coidadosa xestión cronolóxica do almacén, que pasa por un estudo previo de valoración de necesidades para asegurar que todo estea dispoñible cando dá comezo a xornada laboral.