Pontevedra bailará este sábado ao ritmo das Danzas de Reis
Por Alejandro Espiño
As Danzas de Reis inundarán as prazas máis emblemáticas da cidade este próximo sábado 26 de decembro. Trátase dunha actividade organizada pola Asociación Cultural Trépia que converterá a Peregrina, Curros Enríquez, Verdura, Méndez Núñez e a rúa Benito Corbal nun improvisado escenario. As actuacións comezarán ás seis da tarde.
Neste ano, Trépia convidou a dous grupos, Trébede e Os Muíños de Oliveira, para que participen nesta exhibición que irá pasando de forma sucesiva por todos os espazos previstos.
Estas Danzas de Reis, segundo sinalou Xandro Outeiro, son danzas cerimoniais e "brancas", chamadas así pola vestimenta dos bailaríns e nas que se inclúen tamén danzas de carácter gremial e tamén ritual.
En Pontevedra bailarán con castañolas, paus e arcos, tres das catro modalidades tradicionais. Os bailadores visten cunha roupa cerimonial que consiste en pantalóns ou enaugas e camisa branca e outros complementos que varían dunha localización a outra -diademas, bandeiras, faixas ou coroas-. Tamén se levan os mantóns rameados chamados de oito puntas polo seu grande tamaño, dobrados e deitados polo ombro.
Son danzas moi estendidas polo sur da provincia, en comarcas como Condado-Paradante e chegan ata o norte de Portugal. Enmárcanse no repertorio do ciclo de Nadal, que tamén inclúe os cantares de Nadal, Aninovo, Reis e xaneiras.