VIDEO.- As Danzas de Reis volven a Pontevedra
Por Redacción & Diego Torrado
Pontevedra recuperou este sábado as tradicionais Danzas de Reis. Fíxoo da man da Asociación Cultural Trépia que, ás seis en punto da tarde, chegaba á praza da Peregrina para dar comezo a un espectáculo itinerante e tremendamente vistoso polas prazas máis emblemáticas da capital da provincia.
Acompañados doutros dous grupos tradicións, Trébede e Os Muíños de Oliveira, a exhibición deste tipo de danzas, moi estendidas no sur da provincia de Pontevedra, foi pasando de forma sucesiva por Curros Enríquez, a Verdura, Méndez Núñez e a rúa Benito Corbal.
Entre os pontevedreses, ademais do baile en si para o que os compoñentes destas tres agrupacións usaron castañolas, paus e arcos, chamou moito a atención a vestimenta empregada: pantalóns ou enaugas e camisa branca, complementos como diademas, bandeiras, faixas e coroas ou os mantóns rameados chamados de oito puntas polo seu gran tamaño, dobrados e deitados polo ombreiro.
Estas danzas enmárcanse no repertorio do ciclo de Nadal da música tradicional, que tamén inclúe os cantares de Nadal, Aninovo, Reis e 'xaneiras'.