Esnaquizan o escaparate dunha tenda de Michelena durante a pasada madrugada
Por Alejandro Espiño
Os donos da tenda Cuplé, unha firma especializada en bolsos e complementos, atopáronse na mañá deste sábado cunha desagradable sorpresa.
O escaparate do seu establecemento, situado na céntrica rúa Michelena de Pontevedra, fora esnaquizado durante a noite. Pero segundo lles informou a Policía Local, non se tratou dun roubo senón un 'dano colateral' dunha imprudencia xuvenil que tivera lugar horas antes.
Segundo relataron a PontevedraViva desde o propio negocio, os axentes informaron os seus propietarios de que, ao redor das sete da madrugada, dous mozos atopábanse merodeando pola rúa Michelena. Testemuñas presenciais relataron á Policía Local que ambos os dous raparigos estaban a bromear entre eles e, nun momento determinado, un deles tropezou accidentalmente e provocou a ruptura do escaparate.
Nas inmediacións non había restos de sangue, polo que ninguén resultou ferido, nin tampouco se localizou no interior da tenda ningún obxecto que puidese ser arroxado contra o cristal.
En todo caso, a propia Policía Local, que se acudiu no lugar alertados por testemuñas do incidente, deu varias voltas á zona para tratar de localizar aos autores destes estragos pero non tiveron éxito.
Fontes policiais afirman que os axentes procederon a acordoar o escaparate roto e a retirar toda a mercadoría que había nel -de gran valor económico- para evitar que alguén subtraese os bolsos mentres non chegaban os seus donos. De feito, estes confirmaron á Policía que non lles faltaba nada de valor do seu interior.
Tras proceder a tapar de forma provisional o buraco cun ferro de vidro, á espera de poder substituír o panel completo do escaparate, os propietarios da tenda acudiron a dependencias policiais para cursar a correspondente denuncia.