Inocentadas pontevedresas a golpe de tuit
Por Redacción
Como cada 28 de decembro, o Día dos Santos Inocentes fai aflorar o espírito burlón da xente, especialmente na internet. As redes sociais son un ambiente propicio para tratar de coar algunha broma, algunhas máis cribles que outras pero todas co mesmo espírito: atopar a algún inxenuo que llas crea. Como que Ada Colau e Manuela Carmena ían intercambiar as súas alcaldías, inocentada que atopou eco nalgún edil do PP madrileño.
Pero tamén en Pontevedra este luns circularon un par delas, animadas desde organismos, entidades, clubs ou asociacións de todo tipo.
Unha das máis soadas remitíaa o colectivo ecoloxista Adega, que tiña a ENCE como protagonista. Aseguraba que asinaran un convenio con Norfor, a filial forestal da pasteira, polo que ambas as partes ían colaborar nun proxecto para a recuperación do koala -especie ameazada no seu hábitat natural- en plantacións de eucalipto de toda Galicia.
Ademais, sinalaban que a medio prazo se estudaría un acordo similar para os cuadrillas xigantes nas plantacións de bambú dos nosos montes.
Convenio ADEGA-ENCE para a recuperación dos coalas nos eucaliptais galegos https://t.co/9TSg0ERJUW pic.twitter.com/iEbi0LcA1r
— ADEGA (@ADEGAgz) diciembre 28, 2015
Pola súa banda, o concelleiro do PP César Abal aseguraba no seu perfil de Facebook, con foto incluída, que un equipo da televisión estadounidense entrevistáralle nas últimas horas e que, debido á súa brillante intervención, sería o novo embaixador do modelo de cidade de Pontevedra, sendo convidado a dar unha conferencia sobre este asunto no Waldorf Astoria Hotel de Nova York.
Desde O Grove chegou outra broma que tivo certo balbordo na comarca. O club de remo Mecos-Mondariz anunciaba a través de Twitter que o xeque propietario do Manchester City e doutros equipos de fútbol por medio mundo puxera os seus ollos no club pontevedrés. Acompañándose dunha captura de pantalla ficticia do xornal dixital El Confidencial avanzaban que xa se deron os primeiros pasos neste sentido.
"EL JEQUE DEL MANCHESTER CITY ACELERA PARA COMPRAR EL CLUB DE REMO MECOS, CFG YA HA DADO LOS PRIMEROS PASOS" pic.twitter.com/YKujVn6w1H
— C.R.Mecos-Mondariz (@CRMecos) diciembre 28, 2015
Tamén se sumaron ao Día dos Inocentes, entre outros, o Waterpolo Galaico Pontevedra que aseguraba ter adquirido un autobús, personalizado coas cores e o escudo do club, para os seus desprazamentos.