Market de Nadal de Michelena ou como comprar en 14 establecementos sen saír dun local
Por Cristina Saiz & Marisa Ciordia
Se oes falar de Me & Po non penses en dúas persoas. Actualmente xa son máis de trinta. Máis de trinta Mulleres Empresarias e de Pontevedra. O pasado verán comezaba a xestarse a idea: aglutinar e visibilizar na cidade a actividade profesional que en múltiples ámbitos desenvolve a muller. En bo número vinculadas ao pequeno comercio, e na súa totalidade traballadoras autónomas; ese sector da poboación tan fundamental para a economía e tan sacudido como infravalorado.
Con esa conxuntura común, presentábanse o pasado 21 de decembro á cidadanía e tamén arrincaban coa primeira iniciativa, o Market de Nadal que abriron ata o cinco de xaneiro no número 36 da rúa Michelena. "A tope, isto foi un boom" di Estefanía Ruíz González: "temos que agradecer a todo o mundo a resposta que estamos a ter".
A proposta representa a catorce establecementos do pequeno comercio da cidade. Cada un pon á venda as súas pezas e produtos, coa vantaxe para o comprador, que non ten que desprazarse ata os seus respectivos negocios. Non só iso, podes atopar durante a visita con que unha perruqueira póidache peitear ou maquillar, facerche un selfie no photocall que teñen instalado ou servirche un café acompañado dun pedazo de pastel.
Está a ser o seu "cartón de presentación" pero levan máis traballo realizado, explica Carmen Prieto Cervera-Mercadillo: "somos unha asociación sen ánimo de lucro. Seguiremos con novos eventos na cidade, accións benéficas e de axuda á muller". De igual forma contactaron con elas desde algunhas institucións interesadas en colaborar coa súa andaina colectiva.
Me & Po son mulleres empresarias de esferas e sectores como a avogacía, pedagoxía, restauración, fotografía, barbería, decoración e no caso do comercio igualmente diversificado. Son mulleres ademais pendentes das novas tecnoloxías e as redes sociais, mostra diso é que teñen perfís de Facebook e Instagram.
O Market de Nadal estará aberto ata a véspera de Reis en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas. Esa mesma xornada ao mediodía celebrarase o sorteo de agasallos coas doazóns que as empresarias asociadas doaron para tal fin.