Un condutor resulta ferido ao envorcar o seu coche na AP-9 en Portas
Por Redacción
Un condutor dun turismo resultou ferido na noite deste mércores 6 de xaneiro e tivo que ser trasladado ao hospital tras verse implicado nun accidente na autoestrada AP-9 ao seu paso polo término municipal de Portas, uns quilómetros antes da saída da vía cara Caldas de Reis.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o coche circulaba en sentido norte cando, á altura do punto quilométrico 112, por causas que se descoñecen, o turismo envorcou. O condutor, que presentaba diversas feridas, puido saír polos seus propios medios. Posteriormente, foi evacuado ao Hospital Montecelo de Pontevedra.
Os axentes da Garda Civil de Tráfico, desprazados ao punto tras a alerta do 112 Galicia, indicaron que varios vehículos colisionaron co turismo envorcado, sen rexistrarse máis feridos.
Un particular chamou ao 112 arredor das 21.00 horas para solicitar axuda. A partir de aí, informouse a Urxencias Médicas, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Valga, Protección Civil de Portas e ao persoal do control da autoestrada.