Nauta Sanxenxo aspira a revalidar a bandeira azul para o porto deportivo
Por Redacción
Nauta Sanxenxo pretende lograr de novo en 2016 o distintivo internacional Bandeira Azul para o Porto Deportivo Juan Carlos I, un emblema que ondea nas instalacións portuarias desde 2010. E é que as instalacións xestionadas pola empresa municipal cumpren os requisitos esixidos por ADEAC-FEE en canto á educación e xestión ambiental, a seguridade e servizos e a accesibilidade.
O vicepresidente de Nauta, Jesús Sueiro, lembrou que as instalacións portuarias dispoñen de vestiarios accesibles dotados de aseos e ducha adaptada, así como dun guindastre para facilitar o embarque de persoas con mobilidade reducida e dun barco para o seu traslado.
No relativo á seguridade e os servizos dos que dispón o porto, o edil destacou a existencia de torres de seguridade nos pantaláns, extintores, bocas de incendio e mantas ignífugas, salvavidas, amarras ou bicheros, escaleiras "home á auga", entre outros elementos de salvamento, socorrismo, primeiros auxilios e contra-incendios. Á súa vez, o equipamento conta cun sistema anticontaminación conformado por dous colectores provistos de diferentes materiais como redes e mantas absorbentes destinadas a facer fronte a un hipotético accidente no que se produza un derrame de aceite ou gasoil.
A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor esixe tamén que as instalacións inclúan subministración de auga e electricidade para as embarcacións, como é o caso.
O Porto Deportivo Juan Carlos I desenvolve ademais un plan e unha política ambiental sobre o consumo de auga, enerxía, residuos, seguridade e saúde cumprindo desta maneira co Sistema de Xestión Ambiental Ecoportos. Aos colectores de recollida de residuos urbanos súmanse aqueles destinados aos produtos perigosos que se xeran na área do varadero, que son depositados no "punto limpo" do porto para ser recollidos posteriormente por xestores autorizados.
A pesar de non ser un requisito indispensable para a obtención da Bandeira Azul, o porto dispón dunha instalación adecuada para o bombeo das augas de sentina e cumpre a esigencia de ter recollida de augas residuais das embarcacións. O Juan Carlos I é un dos poucos portos de España que está dotado dunha depuradora que dá servizo a toda a zona do varadero.
Paralelamente, a sensibilidade en materia ambiental que reflicte Nauta Sanxenxo coa habilitación destas infraestruturas tradúcese tamén da posta en marcha de actividades de educación sobre o coidado da contorna destinadas aos usuarios do equipamento, e a exposición de información sobre espazos naturais protexidos, dun código de conduta e sobre o programa Bandeira Azul.