O campus iza a bandeira verde
Por Oskar Viéitez
A bandeira verde xa ondea desde este mércores no Campus Universitario de Pontevedra. A asociación ADEAC (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor), é quen concede este distintivo que, do mesmo xeito que as bandeiras azuis que atesouran algunhas praias, premia a xestión e a educación ambiental que se está desenvolvendo neste espazo.
O de Pontevedra é o primeiro campus de España merecedor desta acreditación, o que supón "unha honra e unha responsabilidade", tal e como destacou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.
Igualmente o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mostrou a súa "satisfacción" por este recoñecemento que sumou ao "compromiso" que ten o municipio coa "mellora da calidade de vida dos seus cidadáns" e que foi merecedor de varios premios internacionais.
Quince institucións académicas de oito países xa contan con esta bandeira en Europa.
O reitor lembrou que neste proxecto coñecido como "Green Campus" colaboraron desde os seus inicios en xullo de 2013, numerosas institucións e colectivos como Vaipolorío, Masa Crítica, Cogami ou Amizade.
Para conseguir ese recoñecemento puxéronse en marcha medidas para aforrar auga e enerxía eléctrica como a instalación de lámpadas led, ademais de campañas de reciclaxe, recollida selectiva de lixo, a promoción do uso da bicicleta ou a plantación de árbores. Tamén se realizaron ecoauditorías.
Unha mostra deste compromiso son as obras que durante estes días ocupan os accesos ao campus para levar a subministración do gas ata as facultades co propósito de substituír as caldeiras de gasoil.
Relacionadas:
-
O campus de Pontevedra aforra diñeiro ao reducir as emisións de CO2
Por Redacción |
-
Móbiles vellos e ordenadores "escarallados" teñen unha cita coa reciclaxe no campus
Por Redacción |
-
Nauta Sanxenxo aspira a revalidar a bandeira azul para o porto deportivo
Por Redacción |
-
O campus de Pontevedra terá un clúster e un novo programa de doutoramento
Por Redacción |
-
Pontevedra é a primeira cidade de España en erguer a bandeira do campus verde
Por Redacción |