Apoio unánime aos proxectos que Pontevedra presentará aos fondos europeos
Por Alejandro Espiño
Ata un total de 85 millóns de euros pretende investir o Concello de Pontevedra no marco do programa +Modelo Urbano Pontevedra 2016-2022, que reúne os proxectos que se presentaron á convocatoria da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable e Integrado (DUSI) dos fondos europeos FEDER. O goberno municipal espera conseguir, mediante estas axudas, un máximo de 15 millóns de euros.
Este programa, aprobado por unanimidade no seo da Comisión de Mobilidade do concello da capital, é un proxecto "sólido, solvente e ben elaborado", segundo explicou este martes o concelleiro Luís Bará.
+Modelo Urbano Pontevedra 2016-2022 establece un total de oito obxectivos estratéxicos, que viran ao redor da idea de avanzar na construción dunha cidade "intelixente, accesible e integradora". Inclúense nel un total de 32 liñas de actuación que buscan avanzar no modelo urbano aplicado na cidade nos últimos anos.
Así, entre outras cuestións, Pontevedra solicita 2,9 millóns de euros para a mellora ambiental urbana de espazos periféricos degradados, 2,32 millóns para acondicionar o edificio social Centro Sur -destinado a colectivos que prestan servizos sociais-, 2,3 millóns para mellorar a seguridade e a mobilidade nas estradas e vías rurais, 1,7 millóns para potenciar a administración electrónica, 1,4 millóns para crear núcleos de centralidade nas parroquias do rural ou 1,2 millóns para mellorar a eficiencia enerxética en instalacións sociais.
Ademais destas grandes partidas, o goberno municipal opta a estes fondos europeos coa intención de destinar 900.000 euros á recuperación ambiental e patrimonial de espazos naturais fluviais, 870.000 euros para dinamizar a praza de abastos como espazo lúdico e gastronómico, 700.000 euros para a creación de novas infraestruturas sociais ou outros 700.000 euros dinamizar o centro histórico cun mercado de novos creadores.
Todos estes proxectos ascenderían a case 19 millóns de euros, dos que o Concello achegaría preto de catro millóns no próximos seis anos.
Nesta estratexia, o Concello inclúe outros proxectos que, ao non coincidir cos criterios da convocatoria da Unión Europea, preténdense financiar con fondos propios e que, segundo o edil do BNG, supoñerá o investimento duns 60 millóns de euros.
As principais partidas destinaríanse, avanzou Luís Bará, a mellorar as infraestruturas viarias (12,5 millóns), a crear espazos deportivos polivalentes (12 millóns), a converter as vías rurais en espazos de convivencia peonil, ciclista e a motor (10 millóns), a estender o modelo de transformación urbana a barrios e parroquias (7,5 millóns), a impulsar a compostaxe como método de xestión de residuos orgánicos (6,5 millóns), a reforzar a rede de abastecemento de auga (6 millóns), ou a recuperar espazos forestais (4,3 millóns).
Relacionadas:
-
Pontevedra recibe dez millóns de fondos europeos para o seu proxecto "+Modelo Urbano"
Por Alejandro Espiño |
-
Os socialistas presentan as súas propostas ao Concello para a convocatoria de Fondos europeos
Por Oskar Viéitez |
-
Un "food lab market" para dinamizar a praza de abastos
Por Marisa Ciordia |
-
O goberno local optará aos fondos europeos coa intención de acelerar proxectos en marcha
Por Redacción |