Menos nenos e máis xubilados nunha Pontevedra que conta con 83.407 habitantes
Por Alejandro Espiño
Freo ao crecemento poboacional de Pontevedra. A cidade do Lérez non puido facer fronte a tendencia galega e, ao 31 de decembro de 2015, o padrón municipal revela que hai menos persoas vivindo no municipio que hai un ano. Son en total 83.407, 63 menos. Este dato trunca o aumento constante de poboación que se rexistraba en Pontevedra desde hai case vinte anos, en 1997.
Dos 83.407 habitantes que reflicten os datos facilitados polo Concello, un 75,60% (63.059 persoas) viven no centro urbano. Son 250 máis que en 2014. Ese crecemento non se repite no resto do municipio. Nas quince parroquias do rural viven actualmente 20.348 pontevedreses, 313 menos que hai un ano.
Delas, só A Canicouva experimenta un saldo positivo no último ano con catro veciños máis (249); mentres que Ponte Sampaio mantense sen cambios (1.061).
Os maiores descensos prodúcense en Marcón con 2.124 (60 menos), Lourizán con 3.107 (34 menos), Salcedo con 2.099 (31 menos), Mourente con 1.996 (27 menos), Lérez con 1.721 e Bora con 755 (20 menos) e Tomeza con 1.007 (19 menos). Menos importantes son as perdas en Cerponzóns con 742 (15 menos), Campañó con 1.871 e Alba con 753 (10 menos), Verducido con 914 (9 menos), Xeve con 1.084 (7 menos) e Santa María de Xeve con 865 (2 menos).
Esa mesma tendencia acentúase se se analizan os datos do últimos dez anos. Desde 2005, o centro da cidade está habitado por 4.885 persoas máis, o que supón un incremento do 8,34%; mentres que o rural perdeu 1.723 habitantes, un 7,90% do total. Sumados ambos os parámetros, conclúese que Pontevedra sumou 3.451 veciños máis na última década, afianzándose como a sexta cidade máis poboada de Galicia.
Unha ollada máis pormenorizada ao padrón municipal, a falta dos datos de nacementos de decembro -que non foron contabilizados aínda-, demostra que a natalidade aínda non se recuperou tras a crise económica. Apenas 535 nenos teñen menos dun ano, o número máis baixo que se lembra desde os 553 de 1998; mentres que os que teñen entre 0 e 4 anos, son 2.713, un 4,24% menos que hai un ano, ao nivel dos que se rexistraban en 2002.
Aínda que se espera que estes datos melloren cos datos definitivos, xa que se adoitan rexistrar moitos nacementos no tramo final do ano, por agora o padrón arroxa un saldo vexetativo lixeiramente negativo. Fronte aos 517 bebés que naceron en Pontevedra nos once primeiros meses do ano, faleceron 519 persoas -dato que si inclúe, neste caso, as mortes que se produciron en decembro-.
A tendencia contraria séguese entre as persoas maiores de 65 anos. Nunca antes houbo tanta xente desta idade vivindo na cidade. Ao 31 de decembro de 2015, no padrón aparecen 16.186 pontevedreses en idade de xubilación, un 2,29% máis que hai un ano. Tamén crece lixeiramente, pola súa banda, o número de inmigrantes empadroados na cidade que alcanzan as 3.434 persoas, oito máis que no último balance.