A alcaldesa de Marín agarda acadar as axudas europeas para crear un espazo sociocultural
Por Redacción
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, ten a esperanza de que teña éxito o proxecto solicitado ante o goberno central para poder acceder aos fondos europeos que financien melloras previstas dentro dunha partida destinada a concellos de máis de 20.000 habitantes.
O proxecto presentado ascende a máis de 6.200.000 euros, que se cofinanciarían ao 80 % polos fondos europeos FEDER chegando a cantidade solicitada aos 5 millóns de euros, segundo explicou Ramallo. A estratexia global de Desenvolvemento Urbano presentada ante o goberno central céntrase en resolver carencias que presenta a vila como sucede en melloras de mobilidade urbana ou equipamentos socioculturais e deportivos.
Dentro de seis meses está previsto que haxa unha resolución e a alcaldesa móstrase optimista coa posibilidade de que se lles conceda esta axuda que vén moi concretada desde a Unión Europea. Céntrase en proxectos de eficiencia enerxética, mellora da administración electrónica, mobilidade ou rebaixa do uso de carbono, explicou a alcaldesa. A petición foi aprobada por todos os grupos políticos da corporación, salvo por Marea que se abstivo.
Un dos proxectos nos que máis insiste María Ramallo é o dun espazo sociocultural do que actualmente carece Marín. Pero aclara que non se pode falar de macroproxectos nin de macroauditorios "que sería imposible de soster", pero polo menos a súa intención é crear un centro cultural como o que teñen outros concellos cun número similar de habitantes.
Relacionadas:
-
Marín baralla o espazo portuario ou a antiga Casa do Mar para o futuro auditorio
Por Alejandro Espiño |
-
Marín celebrará un pleno extraordinario para aprobar a solicitude de fondos europeos
Por Redacción |
-
Marín dá os primeiros pasos para dotar a Seixo dun pavillón de deportes
Por Redacción |
-
A corporación marinense incorpora as súas achegas ao plan estratéxico 2020
Por Redacción |