O Bloque ve na proposta de carrís bici un "ataque ao modelo de cidade"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O concelleiro de Mobilidade, Luís Bará, sinalou que o goberno local de Pontevedra ve na proposta de carrís bici un "ataque ao modelo de cidade" implantado polo BNG.
Esa é a impresión do edil nacionalista despois de participar na reunión celebrada no concello cos grupos municipais de PP, PSOE, Marea e Ciudadanos xunto a representantes de Masa Crítica e Pedaladas na que se abordou o contido da moción aprobada polo Pleno sobre os carrís bici.
Bará cre que xunto á polémica sobre os "lombos" e a falta de transporte público, o uso da bicicleta no centro urbano é o novo elemento no que os grupos da oposición "se poñen de acordo para ir contra cuestións centrais do modelo urbano".
O goberno local considera que a implantación de carrís bici en toda a cidade que propón o PP é "inviable, inaplicable e contraditoria co modelo urbano".
Bará considera que este tipo de cuestións teñen que ser abordadas "noutros foros máis amplos" onde participen outros sectores como os veciños ou as persoas con discapacidade.
O edil do Partido Popular, César Abal deixou claro que “a implantación de carrís bici atende a aquelas rúas non peonís, onde os ciclistas vense obrigados a compartir a calzada cos vehículos ou a facer uso das beirarrúas provocando molestias aos viandantes”.
Na reunión deste venres acordouse solicitar tres informes para avaliar o contido da moción.
O portavoz de Masa Crítica, Quique Pérez, valorou o encontro como "moi positivo" e destacou que todos están de acordo na necesidade de modificar a ordenanza de circulación na cidade para regular de forma oficial os usos ciclistas.
Relacionadas:
-
Abril, mes da bicicleta en Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Asociacións de defensa dos ciclistas denuncian 19 condutores por non respectar a distancia de seguridade
Por Redacción |
-
O emprego, a transparencia e o carril bici aúnan de novo á oposición fronte o BNG
Por Alejandro Espiño |
-
O PP propón a implantación dun servizo voluntario de Policía local en bici
Por Redacción |