O PP propón a implantación dun servizo voluntario de Policía local en bici
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular presentou este xoves dúas mocións para debater no Pleno municipal que terá lugar o vindeiro luns que recolle o seu compromiso electoral de transformar Pontevedra na 'Cidade da Bici'.
Por unha banda, os populares solicita a implantación dun servizo voluntario de Policía Local en bici, un trámite que debe iniciar o Goberno local e ao que poderán sumarse todos aqueles axentes que o desexen.
"Esta medida contribuiría a concienciar aos cidadáns sobre o respecto aos ciclistas e ao mesmo tempo facilitaría o acceso dos policías locais ás zonas peonís, parques públicos e espazos naturais", destacou o portavoz popular.
Por outra banda, a formación encabezada por Jacobo Moreira insta ao goberno municipal a que todos os proxectos e obras de reforma urbana que se realicen na cidade incorporen a creación de carrís bici.
"Non ten sentido que este goberno gaste cartos en reformar rúas e non aproveite estas obras para implantar carrís bici para poder formar así, pouco a pouco, unha ampla rede que permita conectar os principais puntos do centro urbano", sinalou en rolda de prensa o portavoz popular.
"Pontevedra debe ser unha cidade na que a bici sexa o elemento de transporte máis predominante, non só como ocio ou deporte, senón como medio de transporte na vida diaria", destacou Jacobo Moreira quen asegurou que "con esta proposta poderíanse superar os 14 km de vías para ciclistas, multiplicando así por tres os existentes actualmente".
Nesta mesma moción, os populares instan tamén ao Goberno local a modificar o Regulamento Municipal de Circulación, que data do ano 1989, para que se inclúa a bicicleta como medio de transporte. "É preciso regular a convivencia entre peóns e ciclistas para evitar sustos e dificultades para ambos cidadáns á hora de transitar polas rúas de Pontevedra", destacou Jacobo Moreira.
RESPOSTA DO ALCALDE
Segundo explicou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, hoxe, grazas ao acougado do tráfico e á velocidade 30, "os coches xa non supoñen unha ameaza grave nin para os peóns nin para os ciclistas". Por iso o alcalde adoita dicir que "toda Pontevedra é un gran carril bici".
Para Fernández Lores "pintar unhas liñas no chan non é a solución", senón que, ao seu xuízo, os cidadáns deben asumir que a xerarquía é peón-bicicleta-transporte público-vehículo privado.
Na cidade do Lérez só quedan algúns quilómetros de carrís bici, construídos nos anos 80 e 90 para defender aos ciclistas dos automóbiles. Para o alcalde están xustificadas este tipo de carrís en vías fóra das zonas de tráfico urbano, neste sentido, sinalou que están contempladas senllas para ciclistas nos novos accesos a Monte Porreiro, na Rolda Leste ou na PO-11 coñecida como a Autovía de Marín.
Relacionadas:
-
O goberno local apoia a conversión en paseo ciclista dun carril da autovía de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
O Bloque ve na proposta de carrís bici un "ataque ao modelo de cidade"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Comezan os traballos para levar o carril-bici até o campus universitario
Por Redacción |
-
A Policía Local non patrullará en bici por Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Patrulla policial en bicicleta polas rúas e o paseo marítimo de Vilagarcía
Por Redacción |
-
O Concello e a Universidade mellorarán os accesos ciclistas entre o campus e o centro da cidade
Por Redacción |
-
Sae a licitación a senda-bici no Terrón que conectará Vilanova coa Illa de Arousa
Por Redacción |