Sae a licitación a senda-bici no Terrón que conectará Vilanova coa Illa de Arousa
Por Redacción
O Diario Oficial de Galicia publica este venres a licitación da obra de execución da senda-bici no Terrón, adxacente á estrada autonómica PO-306, na súa marxe dereita, no treito que conecta o paseo litoral de Vilanova de Arousa coa Illa de Arousa, para o cal será necesaria a ampliación do voadizo do taboleiro da ponte do Terrón.
O trazado do proxecto, que conta cunha lonxitude de un quilómetro e medio, contempla tres trazados, un urbano que é continuación do paseo litoral de Vilanova de Arousa. Neste tramo, de 245 metros lineais, o carril bici contará cun ancho de entre 3,40 e 3 metros.
Posteriormente, a senda continuará na ponte do Terrón ao longo de 475 metros cun carril bici de 2,70 metros de ancho. Para a execución desta fase haberá que anchear o voadizo da ponte na marxe dereita en 1,15 metros ao longo de 220 metros.
Finalmente, o terceiro tramo terá un carril bici de 3 metros e ancho, cunha gabia de seguridade de 1,25 metros que se interporá entre a pista bici e a beirarrúa. A lonxitude desta última fase será de 950 metros.
As actuacións no implican a realización de expropiación algunha, xa que todas as obras se executarán dentro da franxa de dominio público. Os traballos terá así un orzamento de 720.509 euros.
Segundo explicou a Xunta nun comunicado, a elección deste tramo en Vilanova de Arousa débese a que encaixa dentro dos criterios de selección de zonas de actuacións, tanto pola localización, nunha estrada autonómica, como pola intensidade media diaria de vehículos, o número de veciños da poboación e a súa integración ambiental.
Deste xeito, a PO-306 pertence á rede autonómica de estradas e a senda ciclista e peonil proxectada permitirá unir un núcleo de poboación importante como é Vilanova de Arousa coas infraestruturas de servizos e zonas de atracción turística como son as praias, campings e zonas deportivas. Trátase, ademais, dun percorrido moi plano na súa meirande parte e axudará a garantir a seguridade viaria dos peóns que, habitualmente, utilizan esta estrada para desprazarse.