ENCE Fóra! sae á rúa para mostrar o seu rexeitamento á prórroga para a pasteira
Entre a Audiencia Provincial e a sede do Partido Popular. Ese foi o lugar elixido pola plataforma ENCE Fóra! para protagonizar a súa primeira mobilización organizada para mostrar o seu rexeitamento á prórroga concedida polo Goberno a Ence para seguir en Lourizán 60 anos máis.
Unhas duascentas persoas acudiron a esta concentración, celebrada ás sete da tarde, unha hora complicada para este tipo de actos e que, segundo o portavoz da plataforma, Antón Masa, demostra que a xente está "bastante crispada" por este asunto.
"Había que dar unha resposta inmediata" a esta decisión gobernamental, porque segundo Masa é "inaceptable e eticamente reprobable" que un goberno en funcións e cun presidente "que está desaparecido e derrotado" aprobase unha prórroga que pode ter, entende "consecuencias moi duras" para a comarca de Pontevedra.
Ence actúa, segundo Antón Masa, como "freo" para o desenvolvemento económico de Pontevedra, ao non permitir unha "explotación racional" dos recursos pesqueiros, marisqueiros, forestais e turísticos".
Fronte a iso, dixo, o modelo "franquista" de fábricas de gran tamaño que actuan "a costa do medio ambiente" fracasou "estrepitosamente", porque a creación de postos de traballo "non é a que pretendían".
Preguntado sobre as palabras do director de Ence en Pontevedra, Antonio Casal, que afirmaba non temer un posible recurso xudicial contra a prórroga, o representante da plataforma ENCE Fóra! asegurou que "eu tampouco tería medo" se contase cos apoios políticos "que teñen eles".
"A pesar diso, cedo ou tarde vai acabar pechando, xa sexa pola vía xudicial ou pola mobilización social", engadiu.
Con esta concentración, a plataforma ENCE Fóra! pretendía ademais animar aos pontevedreses para secundar a manifestación que sairá este venres 29 de xaneiro, a partir das oito e media da tarde, da praza da Ferrería.
Relacionadas:
-
Ence, 60 anos máis en Lourizán; Elnosa, mantense á espera
Por Mónica Patxot & Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Núñez Feijóo: "Como galego en ningún caso me gusta a localización de ENCE"
Por Oskar Viéitez |
-
Medio Ambiente fixa condicións asumibles para ENCE e remite os seus opositores á Audiencia Nacional
Por Alejandro Espiño |
-
O balcón do Concello volve falar: "Ence fóra da ría para sempre"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
ENCE non ten "ningún temor" aos recursos xudiciais e anuncia que tentará "convencer" aos críticos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A plataforma ENCE Fóra convoca unha gran manifestación o venres
Por Redacción |
-
A Xunta defende a prórroga a ENCE porque "estamos ao lado do emprego"
Por Redacción |