Convencen ao Concello de Sanxenxo para non tallar os piñeiros do aparcadoiro de Areas
Por Redacción
Un informe elaborado por técnicos da Deputación desprazados a Sanxenxo desaconsellan a talla dos piñeiros situados no aparcadoiro de Areas e cuxa desaparición estaba prevista no proxecto inicial de reforma deste espazo, aprobado polo goberno anterior.
A Concellería de Medio Ambiente, en colaboración con Urbanismo, traballa na elaboración dun proxecto alternativo que permita salvar o maior número posible de árbores. "Por mor da visita que os técnicos da Deputación realizaron a Sanxenxo, precisamente para revisar se posibles pragas afectaran á saúde das árbores locais, achegáronse tamén ata Areas, onde comprobaron que no aparcadoiro hai uns piñeiros mansos que están en perfecto estado e recomendáronnos a súa conservación", explica a concelleira de Medio Ambiente, Coral González-Haba.
O proxecto previsto contempla unha reforma integral do espazo de aparcadoiro anexo á praia de Areas, que se atopa moi deteriorado, co pavimento levantado debido ás raíces dos piñeiros.
"Trátase agora de buscar un equilibrio que nos permita conservar unhas árbores que medioambientalmente son os máis adecuados para esa contorna, e que están sans, á vez que modificamos o firme. Decidimos reformular o proxecto seguindo o informe elaborado desde a Estación Fitopatolóxica, unha entidade que depende directamente da Deputación, que é quen financia esta obra, co obxectivo de ser o máis respectuosos posible coa contorna".
E é que a concelleira de Medio Ambiente pretende eliminar o actual asfaltado e expor un firme que permita o drenaxe da auga da choiva, evitando así que afloren as raíces das árbores, xa que poderían atopar os nutrientes que necesitan baixo terra.
Cabe lembrar que este proxecto estaba incluído no Plan Provincial de Obras e Servizos da Deputación, con quen a Concellería de Medio Ambiente acordou a posible modificación do proxecto, que financiaría o traballo cunha achega de 51.000 euros.