A reordenación do aparcadoiro de Areas deixa 72 prazas
Por Redacción
A remodelación do aparcadoiro de Areas está xa concluída e permitiu a reordenación deste espazo dotándoo de 70 prazas de estacionamento que agora están perfectamente delimitadas e pintadas, garantindo un total respecto ás árbores que, na súa maioría foron conservados. A reordenación deste espazo contempla dúas prazas tamén para persoas con discapacidade
Cun orzamento de 51.000 euros, a nova actuación permitiu conservar a maior parte dos piñeiros existentes no perímetro de actuación, eliminando as árbores da zona central que foron substituídos por cinco novas unidades de piñeiro da mesma especie que as existentes.
A actuación, supervisada hoxe polo alcalde e varios concelleiros, consistiu en elevar o firme actual da zona de actuación ata unha cota superior ao bordo perimetral existente, aproximadamente 15 centímetros, dotando á área de aparcadoiro dun novo firme con lousas prefabricadas preparadas para a plantación superior de céspede, na zona onde se sitúan as árbores e pavimento a base de mestura bituminosa en quente nas zonas de rodaxe.
O aparcadoiro anexo á praia de Areas atopábase moi deteriorado, co pavimento levantado debido ás raíces dos piñeiros, e os bordos esnaquizados pola mesma causa.
O proxecto aprobado polo anterior goberno local contemplaba o tallado da totalidade dos piñeiros e a plantación de novas especies. Con todo, un informe elaborado por técnicos da Estación Fitopatolóxica, que visitaron Sanxenxo para revisar o estado de varias especies, recomendaba a conservación dos piñeiros.
Seguindo esta recomendación, as concellerías de Medio Ambiente e Urbanismo elaboraron un proxecto alternativo que permitiu salvar un importante número de árbores.
Cabe lembrar que este proxecto estaba incluído no Plan Provincial de Obras e Servizos da Deputación, con quen a Concellería de Medio Ambiente acordou no seu momento a modificación, dispoñendo agora da partida correspondente á anualidade de 2015.