SOS do BNG de Marín para "salvar" o parque do Lago de Castiñeiras
Por Redacción
Formar un grupo de traballo que teña como obxectivo impulsar a recuperación do parque de Castiñeiras. É o que pretende facer o BNG de Marín coa invitación que fixo a todos os grupos políticos da corporación municipal, as comunidades de montes de Santomé de Piñeiro e San Xulián e outras entidades.
Os nacionalistas recordan que a negativa do PP a aprobar unha moción neste sentido no pleno de decembro fixo que se retirara da orde do día.
Tratábase dunha iniciativa que pretendía analizar as posibles partidas económicas, procedentes de fondos propios ou doutras administracións, que puidese destinar o Concello para potenciar o uso social, turístico, cultural do parque a través do proxecto da Fundación do Parque de Castiñeiras-Cotorredondo.
Dous meses despois, segundo a voceira nacionalista Pilar Blanco, o goberno municipal reitera a súa negativa, baseándose na lei de racionalización e sostibilidade local aprobada polo goberno de Rajoy en decembro de 2013, a cal impide que as entidades locais poidan adquirir, constituír ou participar na constitución, directa ou indirectamente de fundacións.
Esta lei, denuncia o BNG, é incumprida "reiteradamente" polo Concello con outros convenios e contratacións "tal e como lembra todos os meses o servizo de Intervención nos seus informes".
A actitude do goberno local, e en particular da alcaldesa María Ramallo, é de "pasividade total" ante ao deterioro do parque ao que a Xunta de Galicia, con competencias plenas no seu mantemento, "ten sometido a maior área recreativa de todo o país, e a día de hoxe tamén a máis abandonada".
"Sorprende cando menos, que a máxima autoridade municipal nin se inmute ante o anuncio da Xunta de levar para Cotobade o Centro de Recuperación de Aves de Cotorredondo. Máxime cando hai so uns meses anunciaba xunto a Cores Tourís un Plan Director para recuperar o parque e impulsar o centro", lembra a portavoz nacionalista.
Desde o BNG cren preciso unir forzas para non perder un área "cuxa importancia transcende en moito á dun simple espazo de esparexemento". Por iso, impulsarán este foro de traballo "no que todas as partes teremos que poñer da nosa parte o preciso para dar resposta ao clamor popular de salvar o lago".
Relacionadas:
-
A Xunta comprométese a mellorar o ámbito natural de Cotorredondo
Por Redacción |
-
Bota a andar ao grupo de traballo para "salvar" Castiñeiras
Por Redacción |
-
O PSOE intenta sen éxito forzar no Parlamento que a Xunta entre na Fundación Lago de Castiñeiras
Por Redacción |
-
Cotobade acollerá un Centro de Recuperación de Fauna Silvestre
Por Oskar Viéitez |
-
Comezan os traballos de adecentamento de Lago de Castiñeiras sen o apoio das administracións públicas
Por Redacción |
-
Responsabilizan á Xunta do abandono do parque da Lagoa de Castiñeiras e Cotorredondo
Por Redacción |