Un novo parque de 3.000 metros recuperará a memoria de Amalia Álvarez
Por Natalia Puga
No que sería o 110 aniversario do seu nacemento, este mércores 10 de febreiro, Amalia Álvarez Gallego recibirá unha homenaxe da cidade na que viviu e morreu no ano 2001. Máis coñecida como a viúva de Alexandre Bóveda, Amalia é "unha desas mulleres coraxe" que padeceu a represión franquista e o escarnio social, pero se ergueu e sacou adiante a súa familia e a súa carreira, e é esa a faceta da súa vida que será recoñecida.
Amalia Álvarez (Lugo, 10 de febreiro de 1906) dará o seu nome ao novo parque urbano creado no entorno das rúas Filgueira Valverde, Poza dos Canos, Joaquín Costa, 12 de Novembro e a travesía da Eiriña, na coñecida como unidade de actuación 18. Trátase dun espazo duns 3.000 metros cadrados que se inaugurará formalmente este mércores ás 13.00 horas.
O acto converterase nunha homenaxe a Amalia Álvarez, de quen o concelleiro de Patrimonio Histórico, destaca que "protagonizou actos de resistencia" e é unha desas mulleres merecedoras de recoñecemento pola maneira na que se sobrepuxo "á dor, o drama, o terror" despois do fusilamento do seu home, cando levaba no ventre a súa quinta filla.
Este nomeamento é froito do programa municipal A memoria das mulleres e incluirá a instalación dunha placa coa biografía de Amalia Álvarez, a plantación de magnolios -unha das súas árbores favoritas- e un recital de música e poesía. No acto lerase un poema inédito escrito por ela que a súa familia atopou na súa casa despois da súa morte e tamén se repartirá entre os asistentes un tríptico sobre a súa figura. Está convidada a familia e tamén toda a veciñanza.
Bará destaca que o parque é "un espazo urbano de máxima dignidade", un espazo público de lecer cunha peza central de 2.000 metros cadrados e outros 1.000 nos arredores. Valentín García Bóveda, neto de Amalia Álvarez e Bóveda, actualmente vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, agradeceu o acto e o traballo do Concello e do BNG pola recuperación da memoria histórica.
A familia e a Fundación vivirán "un día moi ledo", pois "emocionalmente é un paso moi boa para todos nós". Recuperar a memoria e homenaxear a Amalia Álvarez ten un "simbolismo emocional" moi alto, pois é un paso determinante de cara ao "resarcimento" do dano causado, o único que garante que non se caia no esquecemento.
Relacionadas:
-
Abeigón denuncia o estado de abandono do parque Amalia Álvarez
Por Anxo Lourido |
-
Mourente fai memoria e renderá homenaxe a Isolina Villaverde e Aurelio Torres, vítimas do Franquismo
Por Natalia Puga |
-
A inauguración do Parque Amalia Álvarez convértese nun acto de reparación a súa memoria
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra homenaxeará durante todo 2016 ás vítimas 'silenciadas' da represión franquista
Por Alejandro Espiño |
-
Unha avenida para "unha muller valente, unha nai coraxe"
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |