A “Festa da Troita” promociónase cun concurso de carteis e outro de fotografía
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas convoca unha nova edición dos concursos de carteis e fotografía con motivo da cincuenta edición da "Festa da Troita", que terá lugar a fin de semana do 28 e 29 de maio. Como novidade, aqueles veciños que o desexen poderán emitir un voto, a única condición necesaria é que teñen que figurar de alta no padrón municipal do Concello.
O concurso de carteis estará dotado cun premio único de 400 euros e o letreiro gañador servirá como base de todo o traballo de promoción e divulgación da imaxe deste evento, que goza do distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia. Cada concursante pode entregar un máximo de dúas obras inéditas e o prazo de admisión dos traballos manterase aberto ata o 31 de marzo de 2016.
Con todas as obras presentadas ao concurso o Concello de Ponte Caldelas organizará unha exposición pública no Centro Cultural entre os días 4 e 10 de abril.
Doutra banda, o concurso de fotografía pretende conseguir unha maior difusión e promoción turística da "Festa da Troita". Cada concursante poderá presentar un máximo de dúas fotografías que non estean manipuladas por computador. Este certame conta con tres premios dotados de 300, 200 e 100 euros respectivamente. O prazo para entregar os traballos finaliza o 31 de marzo.
As obras gañadoras serán as que reciban máis votos, aínda que este sistema será válido unicamente no caso de que voten un mínimo de 50 veciños. No caso contrario a elección será levada a cabo por un xurado composto polo alcalde e dous membros designados polo goberno local.
Os gañadores coñeceranse o 14 de abril.
Relacionadas:
-
24 carteis optan a ser a imaxe da 50 edición da Festa da Troita
Por Redacción |
-
A Festa da Troita cumpre 50 anos en plena forma
Por Redacción |
-
O voto do público resolverá os concursos de carteis e fotografía da "Festa da Troita"
Por Redacción |
-
O 39% das festas de Interese Turístico da provincia de Pontevedra son gastronómicas
Por Oskar Viéitez |
-
Cotobade gaña o concurso da Troita de Ponte Caldelas
Por Redacción |