24 carteis optan a ser a imaxe da 50 edición da Festa da Troita
Por Redacción
Un total de 24 carteis e 28 fotografías optan aos concursos que organizou o Concello de Ponte Caldelas con motivo do 50 aniversario da Festa da Troita. Todos eles expóñense no Centro Cultural da vila xa que, nesta ocasión, o fallo dos premiados será decido por votación popular sempre e cando no proceso participen polo menos 50 persoas censadas no municipio.
Os traballos presentados proceden de distintos lugares da xeografía española con propostas remitidas desde Madrid ou desde Beniaján, na Rexión de Murcia e foron entregados antes do 31 de marzo, data na que remataba a recepción de orixinais.
Polo que respecta ao XV Concurso de Carteis está dotado cun premio único de 400 euros para o gañador do certame que ten como obxecto seleccionar o motivo anunciador da L Festa da Troita de Ponte Caldelas.
Este cartel servirá de base de todo o traballo de promoción e divulgación da imaxe que lucirá a presente edición deste evento que goza do distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia e que terá lugar ao longo da fin de semana do 28 e 29 de maio.
Pola súa banda, o Concurso de Fotografía pretende conseguir unha maior difusión e promoción turística da Festa da Troita a través da imaxe plástica recollida polos distintos dispositivos capturadores de instantáneas relacionadas co propio evento festivo, o municipio, os labores tradicionais, as xentes, así como o concepto e carácter sustentable da mesma.
Este certame conta con tres premios dotados cunha contía económica de 300, 200 e 100 euros, respectivamente, para o primeiro, segundo e terceiro clasificados.
Todas as obras están expostas de maneira anónima, é dicir, non figuran os datos persoais do autor ou autora. Aquelas veciños que así o desexen poderán emitir un único voto. Terán a condición de elector unicamente as persoas que figuren como alta no padrón municipal de habitantes no día de emisión do voto.
A obra gañadora será a que reciba máis votos. Este sistema de elección será válido unicamente no caso en que se acaden un mínimo de 50 veciños votantes. No caso contrario a elección será levada a cabo por un xurado composto polo alcalde de Ponte Caldelas ou persoa en quen delegue, os tenentes de alcalde Alfonso Gutiérrez Santiago e Lito Muíños Rodríguez e dous membros designados pola Xunta de Goberno.
O fallo do xurado ou o resultado da votación levarase a cabo o día 14 de abril.
Relacionadas:
-
Unha troita de bandeira, imaxe das vodas de ouro da Festa da Troita
Por Redacción |
-
A Festa da Troita cumpre 50 anos en plena forma
Por Redacción |
-
O voto do público resolverá os concursos de carteis e fotografía da "Festa da Troita"
Por Redacción |
-
A “Festa da Troita” promociónase cun concurso de carteis e outro de fotografía
Por Redacción |