Unha troita de bandeira, imaxe das vodas de ouro da Festa da Troita
Por Redacción
A proposta dunha veciña de Silvoso, Paula Lourido Orge, será a que ilustre os carteis anunciadores da cincuenta edición da Festa da Troita de Ponte Caldelas. Así o decidiron os propios veciños da vila na votación popular realizada nos últimos días.
O cartel gañador foi presentado publicamente polo alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e o concelleiro nacionalista, Manolo Barreiro, xunto a autora do traballo.
Nel, ademais de figurar o río Verdugo e a característica troita da festa, esta moza de Ponte Caldelas quixo reflectir tamén a bandeira azul lograda pola praia fluvial da Calzada, de aí o nome da súa proposta, Unha troita de bandeira.
Pola súa banda, a súa irmá Yoana Lourido Orge, tamén de Silvoso, fíxose co primeiro premio de fotografía coa instantánea titulada Presumindo de troita e pan de xeito artesán. En segundo e en terceiro lugar clasificáronse os traballos de Paula Marzoa Vidales, de Vigo, coas súas fotos tituladas Río de cristal e Baño de bronce, respectivamente.
O público pudo coñecer os traballos presentados tanto por unha exposición feita no Centro Cultural no que figuraban os 24 carteis e 28 fotografías participantes, así como na páxina web do Concello onde tamén estaban expostos os traballos participantes.
O cartel gañador de Paula Lourido Orge será a imaxe promocional que a Festa da Troita lucirá no seu 50 aniversario que se celebrará na fin de semana do 28 e 29 de maio con diversas actividades que se desenrolarán ao longo de practicamente dous meses.
Terán como prato forte de arrancada o espectáculo da Orquestra Panorama, que tivo que ser aprazado ao vindeiro domingo día 17 por mor da ameaza de choiva existente.
Tamén a Festa da Troita terá como programa especial a degustación descentralizada en todas e cada unha das casas do pobo existentes no municipio coa intención do equipo de goberno de estender esta celebración ao conxunto dos 33 núcleos de poboación existentes e facer a todos veciños e veciñas partícipes activos desta conmemoración.
Relacionadas:
-
Troitas para todos en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Posta a punto do ámbito do Verdugo para a Festa da Troita
Por Redacción |
-
O río Verdugo repóboase con 1.000 alevíns de troita
Por Redacción |
-
Unha escultura de Ortiz conmemorará os 50 anos de historia da Festa da Troita
Por Redacción |
-
O mal tempo obriga a volver adiar a actuación da Orquestra Panorama en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
24 carteis optan a ser a imaxe da 50 edición da Festa da Troita
Por Redacción |
-
A Festa da Troita cumpre 50 anos en plena forma
Por Redacción |