Pontevedra prepárase para o negocio do amor
Por Oskar Viéitez
Todo o mundo sabe, porque a publicidade encárgase de lembrárnolo, que o 14 de febreiro é o Día dos Namorados. Unha data que é motivo dun gran negocio para moitos.
Segundo a Enquisa da Federación Provincial de Comercio, o gasto por persoa en agasallos para San Valentín sitúase en 32,41 euros, o que supón un incremento dun 3,4 % respecto ao ano pasado.
Aínda que na cidade do Lérez, as parellas parecen conquistarse polo estómago e o 38 % dos enquisados asegura que comerá ou ceará nun restaurante, cun gasto medio por parella de 43,12 euros.
En canto aos agasallos, segundo este estudo, nas persoas entre 15 e 29 anos, o gasto medio é de 23,16 euros, efectuando agasallos o 51 % dos enquisados.
No tramo de idade de entre 30 e 49 anos, o gasto medio dos pontevedreses é de 33,06 euros, efectuando agasallos o 57% dos consultados. E de 50 anos en diante o gasto medio é de 40,89 euros, efectuando agasallos o 37% dos enquisados.
Os homes gastan máis que as mulleres e regalan, maioritariamente flores, en concreto o 36%, seguido de preto polos artigos de xoiería (30%). En menor medida, os 'Romeos' recorren á roupa como obsequio (11 %), os perfumes (11 %) e a lencería (6 %). Quedando relegados ao final, a música e vídeo.
Pola súa banda, as mulleres optan fundamentalmente pola roupa (32 %), a xoiería (27 %) e os perfumes (20 %), seguida da música (15 %), e outros agasallos (6 %). Por certo que os electrodomésticos e o perfume de sempre son os agasallos que menos gustan ás mulleres.
Finalmente aseguran que os comercios da provincia de Pontevedra facturarán sobre 12,09 millóns de euros para este Día de San Valentín 2016. Deles, 980.000 euros corresponden a Pontevedra.